O espíritu do Prado inunda o Museo de Pontevedra coa presentación da nova novela de Javier Sierra
Por Redacción
De museo a museo. Do Museo do Prado ao Museo de Pontevedra. ÿ o camiño que percorreu o escritor e xornalista Javier Sierra, autor de varias das novelas máis vendidas en España nos últimos anos. El foi o invitado este mércores no ciclo Noites de literatura e cine, organizado pola Deputación de Pontevedra. Viña presentar a súa obra máis recente, El maestro del Prado (Planeta, 2013).
Ao máis puro estilo dos relatos de enigmas de Javier Sierra, El maestro del Prado presenta un apaixonante percorrido polas historias máis descoñecidas e secretas dunha das pinacotecas máis importantes do mundo, o Museo do Prado. Sierra propón neste libro unha viaxe "única" polas súas salas e que nace coa intención de ser un referente para todos aqueles visitantes que queiran ver máis aló do que mostran as súas pinturas.
Javier Sierra preséntasenos nesta narración como alumno e mestre á vez e ensínanos o Prado en todos os sentidos. Para levar a cabo a viaxe iniciático que narra El maestro del Prado, urde unha trama apaixonante que ten como fío condutor a presenza e os ensinos do doutor Luís Fovel, un home misterioso ao que Sierra coñecerá unha tarde de finais de 1990 fronte a La Perla, unha das mellores táboas de Rafael.
A partir dese encontro, Fovel percorrerá co autor as salas do museo e lle descifrará os enigmas que esconde a súa colección renacentista, proporcionándolle unha serie de pautas que levarán ao escritor moito máis lonxe do que nunca imaxinase.
Entre as obras máis destacadas de Javier Sierra atópanse La cena secreta, La dama azul, Secreto de Estado ou La dama egipcia de Napoléon. Sierra tamén foi director da revista Más Allá de la Ciencia, e director e presentador de diversos espazos de radio e televisión.