Fantoches Baj e a Banda de Música de Pontevedra únense en "As pombas do Carboeiro", nova cita de Ponteatro
Por Redacción
Penúltima cita para o ciclo Ponteatro. O Teatro Principal acollerá este xoves 12 de decembro ás 20.30 horas a representación de As pombas do Carboeiro. Trátase dun espectáculo da compañía Fantoches Baj, que aposta pola narración oral e música en directo da Banda de Música de Pontevedra coa técnica xaponesa do teatrillo de Kamishibai.
Ignacio Vilariño, un dos compoñentes de Fantoches Baj, explica que o espectáculo foi creado a petición da Banda de Música de Silleda. Benxamín Otero, que forma parte da representación escénica xunto a Ignacio, foi quen compuxo a parte musical que nesta ocasión interpretará a Banda de Música de Pontevedra, e que no caso de non realizarse con banda é interpretada por eles dous.
"Creamos esta ficción tentando poñer en valor a riqueza cultural da zona de Silleda, co legado que deixou o paso do Camiño de Santiago por esa zona, e a través de romance popular, cantiga medieval contar unha historia de amor que emocione aos soldados de Napoleón e evite que coman as pombas", explicaron na presentación da obra.
Empregando o Kamishibai, que é o retablo do que van sacando as imaxes (cartas do Tarot de Marsella) do que se valen para contar a historia, fan unha defensa do teatro ambulante e destacan que "a través desa realidade poden aproximarse ao público, interactuar con el, trasladalo a diferentes lugares xeográficos e lograr que se emocione con un teatro moi de aquí e agora pese a contar unha historia de hai séculos".
As entradas, que teñen un prezo de oito euros (catro para estudantes, desempregados e xubilados), pódense adquirir en www.servinova.com e no despacho de billetes do Teatro Principal desde un hora antes da súa representación.