Teatro e copla fúndense en Pontevedra baixo a voz de Diana Navarro
Por Redacción & Mónica Patxot
A poderosa voz de Diana Navarro ecoou en todo o seu esplendor no auditorio de Afundación. Alí, a artista malagueña encarnou a Concha Piquer, unha das tres protagonistas do espectáculo En tierra extraña, que encandeou ao público pontevedrés.
Nun auditorio sen apenas butacas libres, Diana Navarro estivo acompañada dos actores Alejandro Vera e Avelino Piedad, que se puxeron na pel dos poetas Federico García Lorca e Rafael de León, todos eles baixo a dirección de Juan Carlos Rubio.
Teatro e copla fundíronse na historia encabezada por Concha Piquer, que por mediación do seu amigo Rafael de León, cítase con Lorca para advertirlle que o seu nome figura en varias listas negras e que a súa vida corre perigo.
A "xente como el", dille a artista, debería fuxir ao estranxeiro canto antes. Pola súa propia seguridade. Federico non cre que o sangue chegue ao río e que os ánimos se acougarán. Pero un terrible acontecemento, faille reformularse a situación.
Diana Navarro, que debuta no teatro con esta obra, interpretou sobre o escenario temas como Tatuaje, Ojos verdes, Romance de la otra ou No te mires en el río, completando coa súa arte unha historia emotiva que non deixou a ninguén indiferente.