O Ciclo Mestre Mateo proxecta en Poio e Cambados a premiada 'Malencolía'
Por Redacción
O Ciclo Mestre Mateo, que promoven conxuntamente a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, chega este sábado a Poio e Cambados con proxeccións da súa sexta sesión.
Proxectará a película 'Malencolía', galardoada nos XX Premios Mestre Mateo nas categorías de mellor interpretación feminina e masculina de reparto para Iolanda Muiños e Diego Anido. Este filme tamén estivo nominado a mellor longametraxe, mellor dirección, mellor dirección de fotografía ou mellor interpretación feminina protagonista, entre outros.
A proxección terá lugar ás 20:00 horas no Centro Cultural Xaime Illa Couto de Poio e no Auditorio Municipal da Xuventude de Cambados. Tamén chegará este sábado a Forcarei, Redondela e Ponteareas.
'Malencolía', dirixida por Alfonso Zarauza e producida por Maruxiña Film Company e TVG, é un thriller que conta a historia dunha parella (Sira e Pepe) que volta a Galicia tras moitos anos emigrados en Berlín. Atopan por internet unha casiña na aldea abandonada de Lupián, na provincia de Ourense, e deciden deixalo todo en Alemaña para iniciar unha nova vida alí. Nesta aldea descobren con sorpresa que a única casa con vida está habitada por unha peculiar señora chamada Isolina, coa que vivirán unha estraña relación.
Este ciclo, que busca dotar ós concellos da provincia dunha programación estable de cinema en galego, leva exhibindo o resto das películas premiadas e finalistas dos Mestre Mateo 2022, polo que amais de 'Malencolía' aínda quedan por proxectarse 'Tres', galardoada como mellor longametraxe; e 'Jacinto', unha das finalistas.
Relacionadas:
-
Literatura, cinema, teatro e contacontos na fin de semana máis cultural de Poio
Por Redacción |
-
A película documental "A poeta analfabeta" chega a Poio e Cambados
Por Redacción |
-
Poio e Cambados acollen este sábado a proxección do documental "A virxe roxa"
Por Redacción |
-
"Malencolía" de Alfonso Zarauza xa se pode ver nos cines de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |