Programadas 11 novas funcións escénicas en Pontevedra dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios
Por Redacción
A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá 11 novas actuacións escénicas no Teatro Principal de Pontevedra como un dos 40 escenarios adheridos a este circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado pola Xunta.
A programación comezará este xoves co espectáculo As que limpan, de A Panadería, e prolongarase ata novembro coas últimas propostas de Inversa Teatro, Producións Teatrais Excéntricas, Contraproducións, Ibuprofeno, Tanxarina e Caramuxo.
A montaxe que aborda a situación das camareiras de piso, interpretada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, dará comezo ás 21 horas no espazo pontevedrés dentro do ciclo Ponteatro. Nesa mesma carteleira amosarase o vindeiro día 13, O péndulo, de Inversa Teatro e co Centro Dramático Galego na coprodución desta peza na que Marta Pérez se achega á historia dos represaliados da Cañiza durante a guerra civil española.
O 27 de outubro chegará O porco de pé, a versión escénica de Producións Teatrais Exccéntricas sobre a novela de Vicente Risco e, xa en novembro, serán as quendas de Contraproducións con Cigarreiras, a adaptación de Cándido Pazó sobre o texto de Emilia Pardo Bazán que foi galardoada como mellor espectáculo nos Premios María Casares deste ano (día 3), e de Ibuprofeno Teatro con Smoke on the Water, unha montaxe con música en directo dirixido por Santiago Cortegoso (día 10). Estes tres títulos contaron con apoio económico para a súa posta en escena a través da convocatoria á creación da Axencia Galega das Industrias Culturais.
A carteleira para as vindeiras semanas no recentemente remodelado Teatro Principal de Pontevedra complétase con dúas propostas para o público infantil e familiar que terán lugar nas fins de semana: Tanxarina con tres pases de A cazola de Lola entre o 16 e o 17 de outubro, e Caramuxo Teatro con outras tres funcións de Ela os días 6 e 7 de novembro.
Relacionadas:
-
'A Cova dos Libros Fantásticos', a biblioteca do Pazo da Cultura con máis de 3.000 libros de literatura galega
Por Almu Dapena |
-
A premiada obra de teatro infantil "Parade, o circo dos valentes" chega este domingo ao Casino de Pontevedra
Por Redacción |
-
Ponteatro bota a andar este xoves no Teatro Principal
Por Redacción |
-
Comeza Domingos do Principal con El Espejo Negro e a historia de Cris, unha pequena valente
Por Redacción |
-
Saen á venda os abonos para Domingos do Principal, Ponteatro e as Matinés
Por Oskar Viéitez |