Seis obras teatrais, a escena en Caldas no mes de outubro
Por Redacción
Caldas acolle un mes con representacións teatrais no Auditorio Municipal dirixidas a un público de máis de 14 anos. Este xoves, o Concello presentaba a programación de outubro durante os domingos a partir das 19.00 horas con entrada libre ata completar a capacidade do recinto.
María López, concelleira de Cultura, garantiu que o público se divertirá, ademais de ter a oportunidade de reflexionar coas propostas escénicas.
Este domingo 2 de outubro, a compañía Malasombra ofrecerá 'De algo hai que morrer!', comedia con Xoque Carbajal e Jouse García. Nela nárrase a investigación científica sobre as maneiras de morrer e de facer desaparecer cadáveres.
O 9 de outubro, ButacaZero será a encargada de representar a ópera contemporánea 'Papagena', promovida pola Deputación de Pontevedra dentro do programa 'Confiando Cultura'. Está dirixida por Iago Hermo e baséase na Frauta Mágina de Mozart, cunha análise sobre os esterotipos de xénero.
O domingo 16, a compañía Malasombra ofrecerá 'SÓS', unha obra con Marcos Orsi e Josue García como protagonistas. Interpretan a dúas persoas xubiladas, obrigadas a compartir un piso dos servizos sociais ofrecendo escenas cómicas e dramáticas.
O domingo 23 chega Limiar Teatro e 'A música non amansa as bestas', unha proposta que ofrece reflexionar sobre a sociedade presente, pasada e futura.
A seguinte función, con carácter escolar, chegará o xoves 27 de outubro, ás 12.30 horas. Será a compañía Talía Teatro a encargada de representar 'A parábola do angazo', no IES Aquis Celenis, dentro do programa de Dinamización Lingüística FalaRedes, da Xunta de Galicia. Trátase dunha comedia sobre o uso da lingua galega.
Por último, o domingo 30, ás 19.30 horas, Culturactiva Producións ofrece 'Conexión Pingüín', comedia sobre a comunicación, cos actores Luís Iglesia e Marcos Orsi.