"Auga Nómade", a antoloxía poética de Eva Veiga, súmase á Colección Medal
Por Redacción
A Colección Medal, que impulsa a editorial da Deputación de Pontevedra, conta cun novo título. Trátase do libro Auga Nómade, unha antoloxía poética escrita por Eva Veiga, que se presentou este sábado na illa de Medal, en Ponte Sampaio, cun espectáculo musical e poético.
Esta colección é unha serie que só publicará obras de mulleres, para compensar a grande presenza de homes noutras publicacións e coleccións como Cíes ou Tambo.
O illote, segundo destacou a deputada María Ortega, foi historicamente un lugar de recitais e conversas literarias de homes como Castelao, Laxeiro, Manuel Quiroga ou Ramón Cabanillas, e "é preciso resarcir ás mulleres por teren estado excluídas tanto tempo".
"Hoxe estamos a ocupar un espazo que nos corresponde por talento cunha muller excepcional como Eva Veiga e remediar en parte esa descompensación", destacou Ortega.
A autora foi seleccionada polo coordinador da Colección Medal, Antón Sobral, para protagonizar o segundo exemplar da iniciativa por ser unha das poetas máis destacadas do panorama actual galego, cunha grande traxectoria, e pola excelencia da súa obra.
Veiga protagonizou un espectáculo, coa auga como protagonista, no que mesturou música e poesía acompañada de Bernardo Martínez e Fito Ares (grupo Ouriol). Nel, fixo un repaso de creacións xa coñecidas e de poemas de nova escrita cun ritmo engaiolante e hipnótico.
"Sempre me preguntan por que me apaixoa recitar. Pode ser que para revivir aquel primeiro día na escola, cando a realidade da poesía era máis intensa que o que tocamos", dixo a autora, que atesoura premios nos dous eidos nos que se move, a poesía e o xornalismo.
Entre as súas obras están Fuxidíos, Paisaxes do baleiro, A luz e as súas cicatrices, Desconcerto, A frecha azul do teixo, Nesta hora imposible, A distancia do tambor, Soño e vértice, Silencio Percutido e Quérote tanto.