Fuxan os Ventos, galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2022
Por Redacción
Fuxan os Ventos celebra o seu 50 aniversario na música neste ano 2022 e os Premios Martín Códax da Música entregaránlle ao grupo o galardón honorífico da súa novena edición.
Considerados pioneiros e baluartes da música en galego, Fuxan os Ventos constitúe un proxecto histórico, refrendado non só pola crítica e o propio sector musical, senón ademais polo gran público. A súa música chegou a milleiros de persoas e puxo a canción en galego en boca de varias xeracións.
O galardón entregarase na gala dos 9º Premios Martín Códax da Música o vindeiro 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde tamén se proxectará un vídeo con entrevista e homenaxe á banda. Fuxan os Ventos, cuxos integrantes teñen previsto algún evento sorpresa neste ano de 50 aniversario, son unha formación unanimemente recoñecida polos grupos e artistas da música galega actual.
A relación de proxectos finalistas dos Martín Códax, que se desvelaba o pasado 14 de setembro, ofrecen unha ampla perspectiva do panorama musical galego na actualidade. A votación está aberta aos socios e socias de Músicas ao Vivo desde o 15 de setembro ao 2 de outubro. Ademais este ano abriuse a participación tamén ao público, que poderá votar nunha das novas categorías extraordinarias desta edición (Artista do Ano) a través da páxina web dos Premios.
A gala desta 9ª edición dos Martín Códax celebrarase o 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra; ali coñeceranse todas as propostas premiadas da edición, incluídas as das novas categorías extraordinarias: Artista Emerxente e Artista do Ano.
As Bodegas Martín Códax patrocinan os Premios Martín Códax da Música, promovidos por Músicas ao Vivo, que contan ademais co apoio do Concello de Pontevedra, Agadic-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Dez anos de vida para uns Premios Martín Códax da Música que volverán entregarse en xuño
Por Alejandro Espiño |
-
A novena edición dos Premios Martín Códax da Música celebra a fin da pandemia con reivindicacións
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A gala dos novenos Premios Martín Códax da Música converterá o Pazo da Cultura nunha verbena
Por Redacción |
-
A Sala Karma e o Canteira Fest de Vilaboa, finalistas nos novenos Premios Martín Códax da Música
Por Alejandro Espiño |