Máis de 1.200 escolares participan no concerto didáctico da escola de música de Salcedo

Por Redacción
Máis de 1.200 escolares pertencentes a oito colexios de Pontevedra participaron este xoves no Pazo da Cultura nun concerto didáctico-musical organizado pola Escola de Música de Salcedo, en colaboración co Concello, co obxectivo de achegar aos estudantes os principais instrumentos que conforman unha banda de música.
Durante esta xornada, realizada en dúas quendas para poder dar cabida a todos, os mestres da escola de música e o director da Banda de Salcedo, Alfredo Sánchez Seara, foron introducindo aos nenos no mundo da música a través da explicación e o funcionamento dos principais instrumentos que conforman esta agrupación.
Asimismo, varios rapaces tiveron a oportunidade de dirixir á banda que interpretou varias pezas moi coñecidas para os cativos como a banda sonora de “Bob Esponja”, “La Bella y la Bestia” ou “Piratas del Caribe”, entre outras.
Con esta iniciativa a Escola de Música de Salcedo pretende achegar aos máis cativos as posibilidades formativas que ofrece esta institución educativa, homologada pola Xunta de Galicia e que forma parte do proxecto da Asociación Músico-Cultural San Martiño, que conta cun corpo docente composto por 15 profesores, 25 materias ofertadas e máis dun cento de alumnos.
A través destas xornadas tamén se pretende dar a oportunidade aos nenos a familiarizarse cos instrumentos musicais e ofrecer todo tipo de posibilidades para que aquelas familias que queiran instruír aos seus cativos poidan contar co apoio e o asesoramento da Escola de Música de Salcedo.
Os alumnos asistentes a este concerto didáctico-musical pertencen aos seguintes centros educativos: CEIP Barcelos, CEIP Xunqueira I e II, CEIP Froebel, CEIP Vidal Portela, CEIP Marcos da Portela, CEIP Villaverde e CEIP Santiago Apóstol.
Relacionadas:
-
Concerto da Banda de Música de Salcedo e da Coral Polifónica para celebrar o Nadal este venres 23
Por Redacción |
-
As bandas de música de Salcedo convertirán o Pazo da Cultura nun teatro de Brodway
Por Oskar Viéitez |
-
Gran éxito de público no concerto da bandas xuvenís de Salcedo e de Ribadumia
Por Redacción |
-
Santa María, punto de partida do ciclo musical da Banda de Música de Salcedo
Por Redacción |
-
Tres días de diversión e reforzo de coñecementos musicais para estudantes da Escola de Música de Salcedo
Por Redacción |