Pontevedra abraza a arte pop e exhibe no Café Moderno obras de Warhol, Lichtenstein ou Peter Blake
Andy Warhol, máximo expoñente da arte pop, é o fío condutor da exposición que, ata o próximo 14 de xaneiro, poderase visitar no Café Moderno de Pontevedra. A mostra reúne grandes obras da cultura pop desde as súas orixes nos anos 50 ata os nosos días.
A través de 63 reproducións dun total de 29 artistas, This is pop. Das latas de Andy Warhol ás túas ofrece un percorrido multidisciplinar pola produción da cultura pop, no que se poderán ver pezas e obxectos presentes en obras emblemáticas deste movemento.
A comisaria da exposición, Antonella Montinaro, explicou que a exposición está organizada en "bloques temáticos" e conta con paneis de interpretación "que ayudan al visitante a entender lo que está viendo".
Así, o percorrido comeza cunha "reflexión" sobre este movemento, xurdido en Reino Unido e Estados Unidos como reacción artística ante o expresionismo abstracto, tomando imaxes e temas dunha sociedade de consumo da que os seus representantes eran moi críticos.
Os británicos Peter Blake, Richard Hamilton e Eduardo Paolozzi son os grandes referentes desta primeira etapa da arte pop, xunto aos estadounidenses Andy Warhol, Roy Lichtenstein e Robert Rauschenberg, todos eles presentes nesta exposición en Pontevedra.
"Cada artista tiene su idiosincracia", segundo sinalou Montinaro na presentación desta mostra, aínda que compartindo técnicas artísticas como a serigrafía e inspirándose na realidade cotiá, marcada polo protagonismo da televisión, as revistas ou os cómics.
Aínda que en España non houbo cultura pop como tal, debido á ditadura franquista, a mostra exhibe obras de dous colectivos, denominados Equipo Crónica -con Rafael Solbes, Manolo Valdés e Juan Antonio Toledo á cabeza- e Equipo Realidad, ambos os xurdidos en Valencia, que adoptaron as súas tendencias, aínda que cun ton máis político e un marcado carácter social.
A maiores, unha das dúas salas nas que se exhibirá esta colección está dedicada ao "neo-pop", unha corrente artística irónica e subversiva "que busca llamar la atención y sorprender al ocupar el espacio público y convertir la calle en un museo al aire libre", segundo a comisaria.
Nela aparecen obras de autores como Damien Hirst, Takashi Murakami, Jeff Koons, Yoshitomo Nara, Julian Opie, Shepard Fairey, Kaws, D*Face, Boamistura ou Okuda, entre outros.
A exposición, con entrada libre e gratuíta, pódese visitar de luns a sábado, en horario de 17:30 a 20:30 horas e, ademais, os sábados tamén en sesión matinal, de 11:00 a 14:00 horas. Haberá ademais actividades didácticas orientadas a escolares.
This is pop. Das latas de Andy Warhol ás túas forma parte do programa Cultura por alimentos, impulsado por Afundación, que anima aos seus visitantes para depositar alimentos non perecedoiros nos contedores habilitados para ser doados aos bancos de alimentos.