Pontevedra será sede descentralizada da Bienal de Arte de Cerveira
Por Alejandro Espiño
Quinte artistas de Portugal e Brasil exporán as súas obras no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, que se converterá en sede descentralizada da Bienal Internacional de Arte de Vila Nova de Cerveira, a máis antiga de toda a Península Ibérica.
A mostra inaugurarase este xoves 22 de setembro, ás 19:00 horas, e poderá visitarse ata o próximo 20 de novembro. Incluirá pezas seleccionadas pola directora artística da bienal, Helena Mendes Pereira.
A escolma de artistas inclúe creadores de referencia na arte portuguesa como Zulmiro de Carvalho, Ana Vidigal ou Mafalda Santos, xunto con outros autores lusos de diferentes xeracións, cunha destacada presenza feminina.
Elsa César, Ana Maria Pintora, Henrique do Vale, Juan Domingues, Mariana Mizarela, Pedro Figueiredo, Serafim Sousa e Sobral Centeno son o resto dos artistas portugueses na mostra.
Brasil está presente coa obra de Jayme Reis e Zélia Mendonça.
A selección complétase con dúas obras que forman parte da homenaxe que a bienal dedica á fotógrafa e artista portuguesa Helena Almeida, da man de Ana Monteiro e Maria Cunha.
"Son autores de diferentes xeracións e plasticidades que comparten o gusto polo detalle, polo deseño, pola expresión do corpo, con enfoque na dimensión poética da obra de arte e nas mensaxes indecibles que agocha", subliña a directora da bienal.
En paralelo á inauguración en Pontevedra, este xoves tamén se abrirá exposición en Monção (Portugal), outra das sedes descentralizadas da bienal, na participará o marinense Antón Sobral, xunto cun artista portugués e outro brasileiro.
A Bienal Internacional de Arte de Cerveira, que se organiza desde 1978, é a máis antiga da península. A súa vixésimo segunda edición está a celebrarse desde o pasado 16 de xullo na localidade portuguesa de Vila Nova de Cerveira. Continuará ata o 31 de decembro.
Ademais de Pontevedra e Monção, conta con polos expositivos noutras tres localidades do norte de Portugal: Caminha, Vila Verde e Alfândega da Fé.