O mellor teatro regresa a 47 concellos da man de 'Tornar ás Taboas'

Por Redacción
O mellor teatro chegará á provincia un ano máis da man da segunda edición do programa da Deputación: 'Tornar ás Táboas', impulsado fai un ano para reactivar a escena teatral e achegala aos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Para esta ocasión, o organismo provincial aumentou o orzamento, tal e como anunciou este venres a presidenta provincial Carmela Silva, que destacou que se incrementó de 80.000 euros a 126.000 euros co obxectivo de incrementar o número de funcións, consolidar o proxecto "e levalo a todo o territorio", ampliándose a 47 concellos.
"A xente demanda teatro, o que ocorre é que non hai quen o promocione, por iso a Deputación de Pontevedra impúlsao para que chegue ao conxunto do territorio", indicou Silva.
Esta segunda edición dá comezo este mes de setembro e finalizará en decembro con máis forza, máis espectáculos e novas localizacións dentro da programación de 'Con-Fiando Cultura'.
Este ano 'Tornar ás Táboas' volve apoiar ás nosas compañías, garantindo o acceso á programación cultural en todos os recunchos da provincia onde "os pequenos concellos teñen máis dificultades para ter teatro e nós queremos democratizar a cultura. A cultura ten que chegar a todos os concellos", subliñou Carmela Silva.
Participarán 25 compañías que ofrecerán 47 espectáculos. As representacións darán comezo o 23 de setembro en Rodeiro e finalizarán o 18 de decembro en Caldas de Reis e Arbo, destacando neste percorrido, unha función moi especial no Centro Príncipe Felipe o vindeiro 29 de setembro.