Ginebras, Shego e a DJ Innmir, protagonistas dun Marín Vivo 100% feminino
Por Alejandro Espiño
Tras dous anos de parón pola pandemia, Marín Vivo regresa ao circuíto de festivais de Galicia. Farao cun cartel integramente feminino composto polas bandas Ginebras e Shego á fronte. A elas sumarase a DJ valenciana Innmir.
A quinta edición de Marín Vivo celebrarase o vindeiro sábado 24 de setembro, a partir das dez da noite, na Alameda do municipio. Será de entrada gratuíta.
"Volvemos con toda a nosa enerxía e apostando como sempre pola frescura e a boa música", destacou o director do festival, Néstor Nantes.
Todas as integrantes do cartel, engadiu, triunfan mesturando estilos como o pop, indie, lo-fi, rock e punk, "para crear o seu propio idioma musical e contar a súa realidade con humor e ironía".
Ginebras é un grupo pop-rock madrileño formado por catro artistas, unha delas a coruñesa Magüi, a voz principal do grupo. Editaron en 2019 o seu primeiro EP, que incluía a súa famosa versión de Con Altura de Rosalía, que as catapultó á fama.
O seu primeiro álbum, Ya dormiré cuando me muera, saíu un ano despois e converteuse en top 4 dos mellores discos de pop-rock nacional de 2020 segundo El País. Co seu último single, Alex Turner, mostran de novo o seu lado máis punk dos principios da banda.
De Madrid chega tamén Shego, un cuarteto que tamén xurdiu no ano 2019 e que, un ano despois, lanzaron os seus primeiros temas. Non foi ata 2021 cando editaron o seu primeiro EP, Tantos chicos malos y tan poco tiempo, producido por Carlangas (Novedades Carminha).
Tras triunfar nos escenarios de Sound Isidro de Madrid, Low Festival en Benidorm ou Sonorama Ribera en Aranda de Douro veñen co seu estilo desenfadado e único a Marín.
Innmir, pola súa banda, é unha DJ valenciana que poñerá o broche final a esta edición do Marín Vivo 2022. Nas súas sesións soan o pop-rock, indie e a electrónica.
Pero non só é DJ, é tamén produtora. O seu primeiro single Tienes esa luz sacou en 2019 e o segundo Miedo xunto con Amatria en 2021. A elas súmanse colaboracións con Carlos Sadness ou Manu Chao, do que fixo unha versión o seu Me gustas tú con toques electrónicos.