Amal en Ruta abre co mellor cinema euroárabe actual a tempada do Teatro Principal
Por Mónica Patxot & María José Pita
O presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez, achegábase a Pontevedra para presentar as películas que formarán parte do ciclo de cinema euroárabe "Amal en Ruta Pontevedra 2022" acompañado do coordinador da programación do ciclo, Fernando Méndez.
Un total de cinco películas proxectaranse no Teatro Principal a próxima semana, desde o luns 5 ao venres 9 de setembro. Todos os pases serán ás 21:00 horas e a entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.
Durante a presentación, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, destacaba que as administracións públicas teñen que comprometerse en apostar por unha cultura accesible para a cidadanía, a prezos populares ou, como neste caso, de modo gratuíto.
Dáse a circunstancia de que este ciclo de cinema euroárabe devolve a actividade ao Teatro Principal despois de meses en obras. Aínda que non todos os traballos están completados, púxose especial empeño para que a actividade se retome en setembro e se abra unha programación co obxectivo de que "Pontevedra sexa un polo cultural de primeira categoría como se merece".
Fouces defendía tamén o apoio do Concello de Pontevedra a este ciclo de cinema para "saírnos do discurso homoxéneo que ao respecto da realidade árabe nos fan crer" e fronte ao que Amal en Ruta ofrece unha "mirada talentosa, veraz e fresca".
En resposta, Ghaleb Jaber agradecía a grande acollida que nos últimos sete anos demostrou a cidade de Pontevedra con Amal en Ruta, cunha asistencia numerosa de público que reafirma a importancia de que tender "pontes culturais entre a sociedade galega e o mundo árabe".
"Todos coñecemos os McDonalds ou levamos uns pantalóns ou unhas zapatillas americanas", manifestaba o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, e que Amal en Ruta siga tendo espectadores e cidades que o acollan posibilita que "un cinema pequeno pero de calidade exquisita" siga sendo un vehículo de expresión cultural e rendible no económico para técnicos, creativos e toda a industria que fomenta.
AMAL EN RUTA PONTEVEDRA 2022
O ciclo que se presentará en Pontevedra supón un percorrido polo mellor cinema euroárabe da actualidade e un resumo da última edición da Semana de Cinema Euroárabe Amal, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela en outubro de 2021.
Está composto de cinco películas, tres ficcións e dous documentais, en versión orixinal subtituladas en castelán. Todas elas teñen un considerable recoñecemento nos principais festivais de cinema internacionais.
A programación deste ano inclúe unha ampla representación do mundo árabe, con películas producidas por Palestina, Catar, Xordania, México e diversos países europeos.
Os espectadores poderán ver a longametraxe documental "Gods of Molenbeek (Aatos ja Amine)" que abre o ciclo o luns 5 de setembro; o martes 6 a película "200 meters" (200 metros); o mércores 7 o documental "The return: Life after ISIS" (O retorno: A vida despois do ISIS); o xoves 8 a película "Gaza mon amour"; e o venres 9 a longametraxe de ficción "The reports on Sarah and Saleem" (Os informes sobre Sara e Saleem).
Relacionadas:
-
'Gaza mon amour', dos xemelgos Tarzan e Arab Nasser, proxéctase este xoves no Principal
Por Redacción |
-
Saen á venda os abonos para Domingos do Principal, Ponteatro e as Matinés
Por Oskar Viéitez |
-
A vida despois do ISIS trátase no documental programado para o mércores en Amal en Ruta
Por Redacción |
-
O yihadismo europeo, protagonista do arranque do ciclo Amal en Ruta
Por Redacción |
-
A primeira reforma do Teatro Principal supoñerá un aforro do 70% en gasto enerxético
Por Redacción |
-
Cinco filmes para un Amal en Ruta que reivindica o orgullo, o legado e a cultura árabe
Por Alejandro Espiño |