Máis de 14.000 persoas visitaron Culturgal, consolidado xa como o máis sólido escaparate para a cultura galega
Por Redacción
"Ti contas no Culturgal" era o lema co que partía a nova edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia. Os seus organizadores buscaban un compromiso maior por parte do público. E vendo os datos, a resposta foi moi positiva. Máis de 14.000 persoas pasaron polos preto de 70 stands instalados durante toda a fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra, un dos mellores resultados da súa historia.
A organización do Culturgal valorou de maneira moi positiva a resposta do público "porque un ano máis volveu ser a referencia para milleiros de persoas que decidiron coñecer e gozar da actividade cultural que se desenvolve neste país", sinalou Xulio Amigo, presidente da Asociación Culturgal. "Xa é un punto de encontro para o público coas novidades culturais así como entre empresas e axentes que teñen a feira como un espazo de reunión e diálogo".
Xulio Amigo destacou ademais que trala redución de máis do 55% do apoio institucional, o público respondeu á chamada á "corresponsabilidade" da organización do Culturgal, non só asistindo á feira durante as tres xornadas senón tamén mercando produtos culturais nos distintos stands e asumindo o pago voluntario da chapa colaborativa. Case un 20% do público que entrou no Culturgal este ano abonou a entrada responsable e voluntaria de tres euros.
"Gran parte do público que se achegaba ao Pazo viña xa con toda a intención de pagar a entrada, o que nos dá azos e un novo escenario optimista para o Culturgal do futuro, un Culturgal no que o público xogará un papel máis activo e no que asumirá unha maior responsabilidade", explicou o presidente da asociación que organiza a feira.
Culturgal mostrouse un ano máis como observatorio e escaparate da cultura galega e, desde a organización valórase de maneira especialmente positiva os cambios introducidos no deseño do recinto, coa instalación da carpa para a música e a apertura do espazo cinema. Un agradecemento que Xulio Amigo fixo extensivo a todas aquelas entidades e empresas participantes "confiando de novo en nós para mostrar a súa actividade e os seus produtos".
TERCEIRA XORNADA DO CULTURGAL
Nesta terceira e última xornada do Culturgal 2013, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra recibiu o Premio do Público polo seu labor durante quince anos a prol da cultura galega. O outro gran protagonista do día foi Díaz Castro, un mes antes de que se inicie o ano no que o autor será homenaxeado co Día das Letras Galegas. Foi cunha mesa redonda sobre a súa obra e a súa biografía e coa estrea do documental, O instante eterno arredor da súa figura.
Como nos días anteriores, as novidades da cultura chegaron tamén a Culturgal con propostas como os novos libros Historia de Galicia de Anselmo López Carreira, Vento e chuvia de Manuel Gago e Manel Craneo, Divina de la muerte de Jorge Emilio Bóveda, a edición en galego de Apocalipse Z de Manel Loureiro ou Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, de Eduardo Sanches Maragoto.
Por último, Radio Cos, Segunda Fronteira ou Sergio Tannus presentaron os seus novos traballos discográficos nunha xornada na que a música veu tamén da man de Scherzando, Tanxedoras ou O cabaré da muller paxaro. O programa infantil, como nos tres días, veu completo, coa presentación do novo disco de Xabier Díaz, Toc Toc, o primeiro xoguete do Xabarín Club ou Pedaciños de Ceo da Aula Folque.
Un debate sobre crowdfunding ou sobre as novas fórmulas de supervivencia para a creación afondaron na situación actual do panorama cultural e puxeron o punto e final a un Culturgal que volveu a consolidarse como o máis sólido escaparate para a cultura galega.
Relacionadas:
-
O libro convértese en obxecto artístico nunha exposición en Culturgal
Por Redacción |
-
Pontevedra ten 'fame' de cultura: máis de 150.000 espectadores en nove meses de programación
Por Alejandro Espiño |
-
Culturgal 2014 será de pagamento e con eventos gastronómicos
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Culturgal celebrarase do 5 ao 7 de decembro e incorpora na súa sétima edición entrada de pago
Por Redacción |
-
O premio do público do Culturgal recoñece "o traballo de 15 anos" do Salón do Libro Infantil e Xuvenil
Por Diego Espiño |
-
O Kepa Junquera máis galego encandila ao público pontevedrés coa estrea do seu disco "Galiza"
Por Mónica Patxot |
-
Un programa amplo, variado e cheo de creatividade seduce a centos de persoas na segunda xornada do Culturgal
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |