O Laboratorio da Paisaxe volve a Barro a finais de agosto
Por Redacción
O municipio de Barro volve converterse en escenario do Laboratorio da Paisaxe, un proxecto de investigación que traballa diferentes modalidades creativas como o land art, a fotografía, a pintura e a arquitectura en relación co medio natural e o patrimonio de Galicia.
As xornadas desenvolveranse durante a última fin de semana deste mes de agosto.
O venres 26, ás 19.00 horas, inaugúrase a mostra fotográfica no Centro Cívico de Barro cunha exposición de boas prácticas ao intervir nas edificacións tradicionais.
O sábado 27, a sesión iniciarase ás 10.30 horas, coa intervención de Jose Chas baixo o título de 'Fotografar a ruína'. Ao mediodía será a quenda de Lois Cid que ofrecerá unha análise sobre 'Imaxe latente, friccións paisaxe-persoa'. A xornada conclúe con Monika Molenda e a súa achega sobre 'Vida, fertilidade e purificación'. Será a partir das 17.00 horas.
O domingo 28, Sheila García ofrecerá ás 10.30 horas un relatorio sobre 'Revisar as marxes' e este ciclo finaliza a partir das 12.00 horas con Francisco Remiseiro e 'Sangue de boi'.
As prazas son limitadas e a asistencia é gratuíta pero é imprescindible inscribirse previamente a través de mensaxes nas redes sociais da páxina de Laboratorio da Paisaxe_Landscapelab ou utilizando o correo electrónico labpaisaxe@gmail.com indicando os datos persoais das persoas interesadas en participar.