"A Revolta do Umia": música electrónica, punk-rock e hip-hop nun festival singular
Por Redacción
O festival A Revolta do Umia celebra os vindeiros 26 e 27 de agosto a súa quinta edición, cun programa de actividades musicais, culturais, gastronómicas e medioambientais.
O festival nace no ano 2017 e a súa singularidade radica na combinación de música, natureza, a dinamización do rural e o respecto ao medio ambiente. Neste senso, todos os anos a organización do festival premia a unha entidade ou persoa física ou xurídica pola súa labor na defensa do medio ambiente.
Precisamente facendo gala desa singularidade, o cartel musical ofrece un heteroxéneo elenco con estilos que van desde o hip hop de Ann Trash, ao punk rock de Bala, o pop de Igloo, ou o garaxe dos vigueses Kings of the beach, sen esquecer a electrónica nos pratos de Viktor Flores ou Dj Ozetak.
A Revolta do Umia comezará o venres 26 coa celebración dunha cata sonora, cantada por Madalena Gamalho, unha das grandes voces emerxentes do panorama musical galego. Ás 16:30 do mesmo venres 26 darán inicio as proxeccións das curtas gañadoras do certame LAV.mov, e ás 20:30 horas arrancan os concertos de Ann Trash, Liska, Igloo, Terbutalina e Viva Belgrado. A noite do venres pecha coa sesión de DJ Ozetak.
O sábado 27 as actividades comezan ás 10:00 cunha andaina que transcorre a carón do río Umia, nun roteiro recuperado por unha asociación local; ás 12:00 celebrarase un obradoiro de cerámica castrexa, dirixido por persoal da Fundación Terra Termarum de Cuntis; á mesma hora, e para todos os públicos, un obradoiro de DJ, e ás 13:00 un dos momentos máis esperados do festival, sesión vermut coa electrónica de DJ Viktor Flores.
Despois da comida popular que se celebra a carón do festival, ás 16:30 terán lugar os xogos populares, nunha contorna única a carón do río Umia; ás 17:00 obradoiro de baile e percusión; á mesma hora os máis cativos poderán desfrutar da actuación de Os Bolechas, e a partir das 19:00 as actuacións de Capital Voskov, Lisdexia, Kings of the beach, Grande Amore e Bala. O sábado rematará cunha sesión de electrónica de Dj Viktor Flores.
As entradas poden adquirirse en dúas modalidades, bonos completos ou entradas por días, desde o enderezo do festival www.arevoltadoumia.gal.
Relacionadas:
-
RADIO.- Igloo publicará en febreiro o seu sétimo álbum, que xa avanza a súa madurez musical
Por Marisa Ciordia |
-
Terbutalina e Grande Amore, á fronte dunha Revolta do Umia que quere ser "o Cans da música"
Por Alejandro Espiño |
-
O SonRías Baixas 2022 acadou a súa cifra récord de asistencia
Por Redacción |
-
O FICBUEU recupera a vella normalidade nunha 15 edición con nova imaxe e estrutura
Por Redacción |