76 persoas concursaron no Certame de Pintura Rápida de Arra
Por Redacción
Un total de 76 participantes de distintos puntos da xeografía española e, por primeira vez, de Portugal concursaron este domingo no Certame de Pintura Rápida de Arra.
A Asociación Cultural San Cayetano de Arra en colaboración co Concello de Sanxenxo repartiron sete premios por valor de 2.650 euros e entradas para o Racing Dakart Sanxenxo e o Aquapark de Portonovo. O xurado destacou a calidade das obras presentadas nesta edición e executadas o mesmo día do certame con técnicas diferentes, pero todas co obxectivo común de destacar as potencialidades do municipio e fomentar a pintura.
Nesta edición que se ampliou a zona de traballo ata o núcleo urbano de Portonovo, na categoría de adultos, o primeiro premio (1.000 euros) foi para Manuel Carballeira Rivas, o segundo (500 euros) para Alberto Falcón Sineiro, o terceiro para Xosé Rodiño. O premio especial para artista local, dotado con 500 euros, foi para Eduardo Pérez Baamonde. Na categoría infantil, ata 12 anos, o primeiro premio foi para 100 euros en material para Hanna Carvajal Seidel e o 2º premio en material para Elisa Varela Martín. De 13 a 16 anos, o premio único foi para Rafael Eraso Cortejoso, dotado con 200 euros.
O xurado que estivo formado por Raúl Gil, Sara Vázquez, Ana Lamelas, Ana Cancela e Paz Lago destacou a calidade das obras presentadas e a rápida definición na execución dos cadros que se expuxeron no Priorado de Arra onde se fallaron os premios.
En canto á Feira de Produtos Gastronómicos celebrada en Montalvo, o presidente da Asociación San Caetano de Arra, Bruno Vidal, cualificou de positiva a edición na que se alcanzaron cifras pre pandémicas. "Houbo moi bo ambiente, moita xente e as cifras económicas son positivas", asegura Vidal.