Un Aquiles xigante, seres estraños, mariñeiros desorientados e o son da batucada percorren en centro histórico
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez
Este venres rematou Itineranta, o XI Festival de Animación de rúa, unha das citas máis singulares coas que conta a Boa Vila.
Itineranta é un festival dedicado ós espectáculos de rúa, con actuacións de compañías de diferentes países que iluminan os espazos públicos da cidade con espectáculos de luz e son.
Os murcianos Nacho Villar Producciones e os madrileños Yllana representaron a súa montaxe "Glubs". Tras un aparatoso naufraxio, catro mariñeiros aparecen desorientados polas rúas de Pontevedra, cun único obxectivo: atopar o antes posible un porto onde embarcar. Nesa épica epopeia pescaron quenllas, sobreviviron a tormentas, loitaron hilarantes batallas e arrastraron aos espectadores por unha cadea de disparatadas e absurdas situacións, que tiveron como núcleo o sedutor mundo do mar.
Pola súa banda os barceloneses Sound Seca representaron "Sabor". Cunhas personaxes que aparecían espontaneamente pola cidade para conducir ao público por un percorrido cheo de enerxía, loucura e vitalidade. Unha animación de rúa onde a percusión, a danza e a improvisación foron elementos fundamentais.
Mentras a compañía madrileña Ale Hop trouxo á Boa Vila os "Voluminaires Futuristic Freaks". Un baile de formas e seres irreais, con imaxinación desbordante, transformándose en luces e sombras, expectación e sorpresa, sons de estrañas sensacións e animais de inconcibible destreza. Cuadrúpedos imaxinarios, paquidermos maxestuosos e seres ao máis puro estilo Kubrick, rescatados dos mundos do cómic de ciencia ficción. Coa estética futurista e plástica que lles caracteriza deron vida a uns incribles animais, stilts walkers a catro puntos, que saltaron e movéronse entre unha multidude atónita e alucinada.
E, por último, participaron nesta Itineranta 2022 os castellonenses La Fam que pasearon a Aquiles polo casco vello da cidade. Este gran heroe da mitoloxía grega adentrouse na cidade cos seus máis de 5 metros de altura e os seus case 800 quilos, percorrendo as rúas e prazas e irrompendo no día a día da urbe. Un espectáculo de enorme impacto visual que deixou fascinados a todos aqueles que se achegaron a ver como Aquiles camiñaba polas rúas.
Relacionadas:
-
Itineranta fará que "pasen cousas" nas rúas de Pontevedra desde o mércores ao venres
Por Manu Otero |
-
A ironía de Carlos Blanco volve triunfar en Pontevedra
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Chegou a revolución artística de Itineranta ás rúas de Pontevedra
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
Monólogos, maxia, actividades infantís ou Voz de Muller, na primeira semana de agosto en Pontevedra
Por Redacción |
-
Dez compañías devolverán a animación festiva ás rúas de Pontevedra con Itineranta
Por Alejandro Espiño |