Xabier Díaz e Antía Muíño: dúas xeracións musicais que se volven cómplices en "Os Xoves de Códax"
Por Redacción
Xabier Díaz e Antía Muíño ofreceron unha conversación entre dúas xeracións moi diferentes e afastadas no tempo, no último "Xoves de Códax".
Atopáronse para mirar á canción como fórmula e como xénero, e dialogaron desde a complicidade, tentando acurtar esa distancia xeracional. Unha mostra máis de que o ciclo musical solidario de Bodegas Martín Códax está cheo de maxia, de ensinos, de solidariedade e de excelentes artistas.
A proposta deste xoves 4 de agosto, en Os Xoves de Códax, levou a Xabier Díaz a viaxar no tempo, para revisar e anticipar en cancións dunha autora nova e extraordinaria. Á súa vez, Antía Muíño tamén fixo unha viaxe para compartir o mundo de Xabier e a súa forma de ver a canción. Os dous artistas comparten o amor pola canción no seu sentido máis acústico, facilitando a conexión e o encontro.
No concerto deste "xoves" estiveron acompañados de extraordinarios músicos. Dous dos ilustres que acompañan habitualmente a Xabier Díaz, Roberto Grandal e Iván Costa, e un reencontro moi especial, Guillerme Fernández, con quen Xabier tivo o pracer de compartir varios proxectos como Berrrogüeto, Arrolos de Salitre, o seu primeiro disco Músicas de Salitre, ou tamén A Cada Canto con Guadi Galego e Xosé Lois Romero. Por parte de Antía uniuse o seu compañeiro habitual, Miguel Arribas, un excelente saxofonista que tamén achegou a este proxecto o seu universo e a súa linguaxe.
No terceiro concerto, deste verán, da IX edición de Os Xoves de Códax, na terraza da adega cambadesa, dúas xeracións moi diferentes que se miraron, con respecto, e dialogaron sen ningún tipo de distancia, ao redor da canción feita en galego.
Desde a Fundación Lar explican que o diñeiro recadado no concerto solidario de Xabier Díaz e Antía Muíño en Os Xoves de Códax, deste 4 de agosto, investirano nun proxecto para loitar contra o estigma que hai sobre as enfermidades mentais.
A Fundación Lar prol Saúde Mental é unha entidade sen ánimo de lucro, legalmente constituída o 23 de decembro de 1997. O seu obxectivo xeral é a rehabilitación psico-socio-laboral de persoas con trastornos mentais graves e persistentes. Desde ela posibilitan a recuperación e utilización das habilidades e competencias persoais e sociais para integrarse con autonomía no medio familiar, social e laboral. Entre os seus labores está a creación de programas residenciais: pisos protexidos, mini-residencias e outras estruturas intermedias, que potencian actividades de terapia ocupacional e formación e a atención especializada a adolescentes con problemática psiquiátrica.
O proxecto chámase "Un intruso no meu cerebro" está dirixido á poboación infantojuvenil (menores, de entre 11 e 13 anos). A través dun cómic, un curto, un gift e material didáctico ilustrarán e informarán sobre as enfermidades mentais, de maneira lúdica, rompendo os estereotipos que hai sobre elas.
Relacionadas:
-
Martín Códax, elixida mellor adega aberta ao turismo de España
Por Redacción |
-
Eladio y los Seres Queridos e Las Antonias pechan a IX edición do ciclo musical 'Os Xoves de Códax'
Por Redacción |
-
Pablo Lesuit e Jenny and the Mexicats fan vibrar o público de "Os Xoves de Códax"
Por Redacción |
-
Pontevedra soa en feminino
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Uxía e Javier Ruibal, con Pedro Guerra, dotan de nova melodía ás poesías de Rosalía e Lorca, en "Os Xoves de Códax"
Por Redacción | Creada e actualizada