O Festaclown traerá a Vilagarcía unha vintena de actuacións de compañías e artistas de referencia no mundo do circo

Por Redacción
Do 17 ao 21 de agosto o Festaclown ten programadas en Vilagarcía de Arousa unha vintena de actuacións de compañías e artistas de referencia no mundo do circo, tanto dentro como fóra de Galicia.
Durante cinco días sucederanse en diferentes espazos da localidade espectáculos de acrobacias, música, narración e clown, que conforman no seu conxunto un amplo programa escénico para o que a organización conta un ano máis co apoio económico da Xunta.
Este xoves presentouse esta nova edición do festival xunto ao seu coordinador, Nacho Fungueiriño, que anunciou a participación de artistas e compañías galegas tan destacadas como Desastronauts, Fran Boza, Troula ou Dani García e grandes nomes a nivel nacional e internacional como Cía Vaya, Entre Nous, Rojo Telón, Trotamundos, Kanbahiota ou Javier Ariza.
O espectáculo inaugural celebrarase o mércores 17 de agosto ás 11,00 horas na praza de Galicia, da man de Pallasos en Rebeldía, Desastronauts e Clámide coa colaboración especial do Centro de Atención Integral Princesa Leticia Amencer. Ese será o inicio oficial dun festival que contará cunha actuación previa para quecer motores. Celebrarase o sábado 13 ás 21,00 horas. na praza da II República e consistirá nun espectáculo conxunto organizado por Culturactiva xunto á Banda Municipal de Vilagarcía de Arousa baixo o título Desconcerto.
GALA SOLIDARIA
Un dos pratos fortes deste ano será a Gala Solidaria que correrá a cargo de Pallasos en Rebeldía e que se celebrará o domingo 21 como colofón da programación. Neste evento manifestarase o compromiso pacifista de Festaclown, que este ano inclúe diferentes espectáculos con mensaxes contra a guerra. É o caso de pezas como Sen Guerras, que a compañía Clámide ofrecerá xunto a Asociación Con Eles o venres 19; SMILE, espectáculo da formación asturiana De Carmela que se verá tamén o venres, ou Contos pola paz, actuación de Anxo Moure prevista para o sábado 20.
O festival desenvolverá, ademais, unha nova edición do Certame Festaclown, que converterá o público no xurado deste premio que recoñecerá o mellor espectáculo. O galardón concédese a través das votacións nas que poderán participar as persoas de todas as idades que asistan ás funcións.
Relacionadas:
-
A panca do humor móvese en Vilagarcía co arranque do Festaclown
Por Redacción |
-
A ironía de Carlos Blanco volve triunfar en Pontevedra
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Chegou a revolución artística de Itineranta ás rúas de Pontevedra
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
É tempo para a maxia na Boa Vila
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |