Lucibela substitúe a Pongo no ciclo "Con voz de Muller"
Por Redacción
A artista angolana de kuduro, rap e pop, Pongo, tomou a decisión de suspender toda a súa xira europea. Por mor desta acción, non poderá estar no ciclo ‘Con voz de muller’ que o Concello de Pontevedra ten listo dentro da programación na praza da Ferraría.
Co fin de manter o inicio desta serie de actuacións o mesmo sábado 6 de agosto, será a cantante Lucibela a que ilumine coa súa voz o escenario deste emblemático espazo.
Natural de Cabo Verde, a artista é definida como "unha brisa fresca que axita as flores da buganvilla e a crista das ondas", e logrou colocarse nos últimos anos como unha das principais voces novas do país de fala lusa. O seu primeiro álbum, "Laço umbilical", é unha mostra perfecta da unión coa súa terra e un exemplo sobresaliente da súa capacidade vocal, ao tempo que explora os problemas que supón ser muller, caboverdiana e amar con sensualidade e graza.
Co fin de seguir medrando como artista, amais de atopar un equilibrio familiar e laboral, Lucibela reside dun tempo a esta parte en Lisboa. Na cidade portuguesa aprende e "non perde o seu toque", segundo ela mesma, onde de cando en vez aínda actúa nas prazas e nas rúas da capital, como facía na súa terra natal.
O ciclo ‘Con voz de muller’ afondará no talento feminino, nacional e internacional, con Lucibela, Somdolila, o monólogo A Síndrome de Lis (de Rocío Barrio e Diana López Varela), Brassica Rapa, Guadi Galego, De Vacas e Ginebras; entre o 6 e o 10 de agosto.
Relacionadas:
-
De Vacas entusiasman coas súas versións galegas e irónicas dos grandes éxitos comerciais
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Pontevedra soa en feminino
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Monólogos, maxia, actividades infantís ou Voz de Muller, na primeira semana de agosto en Pontevedra
Por Redacción |
-
Con Voz de Muller volve a Pontevedra con Guadi Galego, De Vacas, Ginebras e a afroportuguesa Pongo
Por Alejandro Espiño |