De Centroeuropa ao Museo: 400 adornos de Nadal en vidro soprado e pintado expóñense no Sexto Edificio
Anxiños, animais de todo tipo, bolas decoradas, bonecos de neve, estrelas, figuras de Papá Noel ou virxes. Son algúns dos máis de 400 adornos de Nadal elaborados en vidro soprado e pintado que compoñen a mostra Sopros de Nadal. Poderase visitar ata o 12 de xaneiro no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Forman parte da colección privada dunha muller pontevedresa que os cedeu desinteresadamente para a súa exposición.
Todos estes adornos de cristal están elaborados de forma artesanal por vidreiros centroeuropeos, coñecidos como os mellores artesáns nesta especialidade. Dous deles, Barbora Kulhava e Marek Kulhavy, que traballan nunha vidrería tradicional da República Checa, participarán este xoves, ás 20.00 horas, na inauguración da exposición. Serán os encargados de levar a cabo unha demostración de soprado de vidro.
Na presentación da exposición, comisariada por Fátima Cobo, Barbora Kulhava destacou a ampla tradición que existe en Centroeuropa na fabricación destes adornos, unha costume que comezou hai 200 anos. Moitos deles seguen facéndose de xeito artesanal, realizando pezas elaboradas a base de contas de vidro soprado que pratean, pintan, cortan e engarzan con arame. Cada unha destas pezas tardan seis días en completala.
Estes deseños, enviados a toda Europa, adornan agora os árbores de Nadal de medio mundo. Pero a súa orixe non foi esa. Os artesáns do vidro competían entre eles para ver quen era capaz de soprar a bola máis grande sen reventala. Aos poucos comezaron a utilizarse, tras seren pintadas, como elementos decorativos, unha costume que se popularizou a mediados do século XIX, momento no que moitas familias optaron por esa vía de traballo.
ÿ a primeira mostra destas características que se abre ao público nun museo español, tal e como destacou a deputada Ana Isabel Vázquez. Trátase de adornos de vidro de orixe francesa, checa ou rusa principalmente, "pequenas xoias que nos mostran aspectos da nosa historia", xa que cada un deles reflexa o estilo da época na que se crearon ou recollen detalles de episodios históricos como a carreira espacial emprendida por Rusia nos anos 60.
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, asegurou que esta exposición "é un paso máis" na apertura do Museo a todos os públicos. "Está en plena acción, máis vivo ca nunca" afirmou, antes de engadir que "está marcando a pauta e ofrecendo un produto diferenciado", o que lle permitiu incrementar, dixo, nun 50% o número de visitantes. "ÿ un museo pensado para todos os públicos e esta mostra vai ser un referente en toda Galicia".
De feito, a mostra complementarase con obradoiros de figuras de Nadal, visitas guiadas e proxección de películas de temática de Nadal. Así, os días 6, 13, 20, 27 de novembro e 4 e 11 de decembro haberá un obradoiro de figuras vitorianas. O obradoiro desenvolverase en dúas quendas, de 17:00 a 18:30 horas e de 19:00 a 20:30 horas e cun número máximo de 12 participantes por quenda.
Os días 23, 26, 27, 30 de decembro e 2 e 3 de xaneiro en horario de 11.00 a 13:30 horas os nenos serán os protagonistas, con obradoiros de adornos con contas de vidro, destinado a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos. Esta actividade completarase cunha visita guiada á exposición e o xogo Atopa o Nadal no Museo, para un máximo de 15 persoas. Finalmente, o 27 de decembro e o 3 de xaneiro ás 18.00 horas proxectaranse filmes relacionados co Nadal.
Relacionadas:
-
O vestíbulo do Pazo Provincial acolle unha mostra de adornos do Nadal
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Na procura dun Nadal divertido entre os fondos do Museo
Por Redacción |
-
Amplían as visitas guiadas a 'Sopros do Nadal' ante o éxito de público
Por Redacción |
-
40 obras inéditas do pintor Antón Pulido, ata o 12 de xaneiro no Sexto Edificio do Museo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |