Gran éxito de público na praza de Santa María no concerto da bandas xuvenís de Salcedo e de Ribadumia
Por Redacción
Un concerto protagonizado pola Banda Infantil da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia e a Banda Xuvenil de Salcedo, como anfitriona, foi o marco escollido para abrir o XV Ciclo Musical BMS mediante o que se levará o son da música de bandas ás prazas de Pontevedra.
A Banda Infantil da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia escolleu para esta ocasión un repertorio musical no que salienta o pasodobre Enrique López, de Simón Couceiro; Odilia, de Jacob de Haan ou Viva la Vida, de Coldplay, ata pechar a súa actuación coa popular peza de A Rianxeira.
Na súa quenda, a Banda Xuvenil de Salcedo deleitou ao público asistente con pezas tan coñecidas como The Magnificient Seven, de Elmer Bernstein; 3 Days, de Patrick Verhaegen ou The Lion King, de Hans Zimmer coa que o público máis novo se sentiu plenamente identificado, acompañando á agrupación coas palmas.
Ao remate deste acto de irmandamento musical, a Banda Xuvenil fixo entrega dunha metopa conmemorativa do evento a dúas representantes da Agrupación ribadumiense.
A Banda Infantil da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia naceu no ano 2008 con alumnos da Escola de Música do Concello de Ribadumia, e ten participado desde a súa fundación en numerosos festivais como os de Moaña, Silleda, Tenorio, Santa Cruz de Ribadulla ou Salcedo.
Ten participado tamén no Festival de Bandas de Música Infantís e Xuvenís que se realizou na Cidade da Cultura ou no Certame de Bandas que organiza a Federación Galega de Bandas na súa categoría.
Pola súa banda, no curso escolar 2004-2005 nace a Banda Xuvenil de Salcedo por iniciativa da Asociación Músico-Cultural San Martiño como paso previo do alumnado da Escola de Música de Salcedo a formar parte de Banda de Música. A súa presentación oficial levouse a cabo na Praza do Teucro, e desde os seus comezos foi partícipe de numerosos concertos didácticos no ámbito municipal de Pontevedra, así como intercambios con outras bandas.
A Banda Xuvenil de Salcedo está dirixida por Alfredo Sánchez Seara baixo cuxa batuta a agrupación realizou numerosos concertos temáticos e continúa con seu crecemento artístico.
PRÓXIMAS CITAS DO CICLO
O sábado 16 tomará o relevo a Banda de Música de Salcedo que, xunto coa Banda de Música Unión de Lantaño, protagonizarán unha velada musical a partir das 20:30 horas na Praza de Santa María.
Pechará o ciclo a Coral Polifónica de Salcedo, o domingo 17 de xullo, nun recital que terá lugar ás 20:30 horas na Casa Verde de Salcedo no que tamén intervirán a Coral Polifónica O Son dos Cantares de Mos e a Coral Voces Amigas de Moraña, que porán o broche final a este Ciclo Musical BMS.
Relacionadas:
-
As bandas de música de Salcedo convertirán o Pazo da Cultura nun teatro de Brodway
Por Oskar Viéitez |
-
Máis de 1.200 escolares participan no concerto didáctico da escola de música de Salcedo
Por Redacción |
-
Santa María, punto de partida do ciclo musical da Banda de Música de Salcedo
Por Redacción |
-
Domingos do Principal, Ponteatro, Voices e As Matinés do Principal, fío condutor da programación cultural ata final de ano
Por Alejandro Espiño |
-
Tres días de diversión e reforzo de coñecementos musicais para estudantes da Escola de Música de Salcedo
Por Redacción |