Boikot, Boyanka Kostova, Gatibu ou SonDaRúa redondean o cartel do Revenidas 2022
Por Redacción
Vilaxoán xa ten todo preparado para a que será, fóra de toda dúbida, a edición máis ambiciosa da historia do festival Revenidas. Máis dunha vintena de bandas e artistas conforman o cartel dun evento que este ano desenvolverase entre os días 7 e 11 de setembro.
Boyanka Kostova, Boikot, Gatibu, Ketekalles, A Banda da Loba, SonDaRúa ou as gañadoras do concurso Sonidos Mans, Braztantifa, son as últimas incorporacións ao festival.
Súmanse aos xa anunciados con anterioridade, como Tanxugueiras, Baiuca, La Pegatina, Zoo, Dubioza Kolektiv, SFDK, Ladilla Rusa, Lendakaris Muertos, Laura Lamontagne & Picoamperio, Talco, Moscow Death Brigade e Suu.
A xornada de apertura, o mércores 7, estará protagonizada por Boyanka Kostova. Se xa o ano pasado o dúo formado por Saibran Yiyi e Chicho do Funk puxeron patas arriba o Revenidas, este ano chegan dispostos a darlle a volta por completo á cabeza do persoal. E virán con sorpresas e moi ben acompañados.
No seu segundo día, o Revenidas recibirá unha das bandas máis festivas, La Pegatina, que ademais chegan con novo disco debaixo do brazo e cun novo espectáculo cargado de visuais, confeti e ritmos bailables. Tamén estarán Suu e Laura Lamontagne & Picoamperio.
E entre as novidades están Ketekalles, cuarteto de mulleres que fusionan sen nengún tipo de complexos estilos urbanos con rumba, funk, hip hop, soul, rock, ritmos latinos e mesmo trap; toda unha referencia do punk rock estatal dende hai tres décadas, como son Boikot; e o cuarteto vizcaíno de rock Gatibu, que este ano están a celebrar o seu 20 aniversario.
Xa o venres día 9, o festival acollerá unha lenda do hip hop español, como é o caso dos sevillanos SFDK, que contan con case tres décadas de traxectoria as súas costas.
Tamén subirán ese día ao escenario a banda navarra de punk Lendakaris Muertos, o dúo moscovita combativo, solidarios e activista Moscow Death Brigade; e a banda italiana de ska-punk; Talco. Súmanse agora ao cartel do venres dúas bandas galegas, SonDaRúa e o dúo feminino Braztantifa, gañadoras do concurso Sonidos Mans 2022.
A festa do sábado 10 de setembro comezará xa ás 12 do mediodía e prolongarase ata a medianoite, co obxectivo de posibilitar o goce do festival ao público familiar.
Ese día o Revenidas convoca ás dúas bandas que máis están a difundir a música galega de raíz, pertinentemente contemporaneizada, fóra das nosas fronteiras: Tanxugueiras e Baiuca.
Virán ademais tres bandas estreitamente vinculadas co festival, como é o caso dos valenciáns Zoo, dos bosnios Dubioza Kolektiv e do grupo do Val Miñor, Dakidarría, así como aos sempre divertidos e desenfadados Ladilla Rusa. O Revenidas completa o cartel con A Banda da Loba, que veñen cun novo espectáculo baseado no seu último disco, Xabón Lagarta.
Ademais destes concertos e dalgúns artistas e grupos que será anunciados en próximas datas, o Revenidas contará o xoves, o venres e o sábado con sesións da Duendeneta. A discoteca móbil vintage máis famosa de Galicia conmemora neste 2022 o seu décimo aniversario.
Con Carlos Crespo e Kris K DJ aos mandos, La Duendeneta ofrecerá varias sesións en distintos horarios nas que a música en galego e a música feita por mulleres serán protagonistas.
VOLVE A SARDIÑADA TRAS DOUS ANOS SEN ELA
Tras dous anos nos que as limitacións impostas pola pandemia impediron a súa celebración, o Revenidas recupera este ano o evento que no seu día deu orixe ao festival: a sardiñada popular. Celebrarase o domingo 11 no parque de Dona Concha e estará aberta ao público.
Nesa mesma xornada tamén se celebrarán varios concertos e actuacións musicais, aínda pendentes de anunciar, que serán de balde e con entrada libre.
A programación do Revenidas 2022 completarase con actividades que xa son tradición no festival de Vilaxoán, como son os concertos a bordo, a gala solidaria de circo, os roteiros pola vila. O contido e os protagonistas destas actividades serán anunciados en datas vindeiras.