Os Premios Martín Códax da Música, o 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra
Por Redacción
Pontevedra será, un ano máis, o lugar no que se reúna toda a música galega para entregar os Premios Martín Códax da Música. Será nunha gala que se celebrará o 5 de outubro no Pazo da Cultura e que virá chea de novidades, segundo avanzaron este luns os seus organizadores.
Haberá dúas novas categorías extraordinarias, que recoñecerán ao Artista do Ano e ao Artista Emerxente; elevando a vinte e dous os premios que se entregarán nesta cerimonia.
Nastasia Zürcher, secretaria da asociación Músicas ao Vivo, explicou nunha rolda de prensa celebrada no Salón Teatro de Santiago de Compostela, que coa categoría de Artista do Ano, o desexo é abrir o certame á participación do público xeral.
A votación será aberta a través da web entre o 15 de setembro e o 2 de outubro.
No caso da categoría de Artista Emerxente, será un xurado profesional quen a valore. Optarán a este premio os proxectos musicais que non leven máis de tres anos en activo, que teñan algún algún disco editado e non ter optado antes aos Premios Martín Códax da Música.
En relación ás dezaseis categorías musicais, unha menos que o pasado ano ao fusionar Músicas do Mundo e Reggae, Ska, Mestizaxe nunha soa, o prazo de inscrición de proxectos vai do 11 ao 31 de xullo a través da web dos premios.
Haberá premios para Pop e Indie, Rock Blues, Funk e Soul, Metal, Canción de Autor/a, Músicas Urbanas, Músicas do Mundo e Mestizaxe Electrónica, Música Clásica e Contemporánea, Jazz e Músicas Improvisadas, Música Tradicional, Música Folk, Música Infantil, Orquestras, Grupos e Música de Verbena, Coros e Grupos Vocais e Bandas de Música Popular.
A votación do xurado profesional, formado por tres representantes da comunicación, da formación e da industria respectivamente e dous artistas, será do 8 de agosto ao 3 de setembro, e a votación dos socios de Músicas ao Vivo, do 15 de setembro ao 2 de outubro.
Os Premios Martín Códax da Música entregarán ademais, como é habitual, un galardón honorífico a toda una traxectoria, e tres premios Organistrum, que se conceden a medios de comunicación, salas e festivais, respectivamente.
Desde Músicas ao Vivo, segundo destacou Nastasia Zürcher, ven con optimismo a recuperación do sector tras a pandemia. "Vemos unha programación estival repleta de alternativas musicais por todo o territorio", subliñou. "Nótase que hai ganas de gozar da música e de todo o que leva asociada", engadiu.
Pero non todo é positivo, aclarou. A este respecto, lamentan o "retroceso" na valoración da música galega en grandes programacións e festexos, os "cachés desaxustados" de bandas internacionais que chegan a Galicia ou a falta de diversidade nos carteis dos eventos.