A curtametraxe 'Idiotas' entusiasma en Vilagarcía
Por Noel Queipo
A cidade de Vilagarcía acollía esta fin de semana a re-estrea de Idiotas, unha curtametraxe do director galego Fran Estévez coa produtora Hipotálamo Films. A película xa se estreara en Santiago hai un par de semanas pero o director quería tamén estrear na súa propia casa, que o apoiou completando o aforamento do recén re-inaugurado salón García da casa da cultura.
A curtametraxe é o resultado de 5 anos de traballo. Rodado en 16 mm, é produto da ilusión e o traballo dun grande equipo que loitou por realizar unha peza de calidade inigualable a pesar da cantidade de trabas económicas. Finalmente e tras recorrer ao crowfunding, o equipo logrou finalizar a peza e cumprir así un sono.
Idiotas é un conto de cor, unha fábula cara a ao positivismo e un canto á alegría. Ambientado en Santiago de Compostela, a curtametraxe narra a historia dun mozo e un can o día en que, de súpeto, un globo cunha nota baixa do ceo.
O protagonista da película está encarnado por Manuel Rey, un rapaz minusválido que logra marabillar ao público dende o minuto cero pola súa naturalidade e a súa frescura, mostrando o lado máis positivo da vida. A historia co-protagonízaa Luna, un pastor alemán coa inconfundible voz de Tacho González que, con moita faísca, acompañará o protagonista nesta pequena e inesquecible aventura.
Cunha fotografía preciosa, imaxes aéreas de Santiago, das súas rúas e recorrendo tamén á animación en stop-motion; Idiotas é unha alegoría á beleza de vivir, unha curtametraxe que rexeita a tristura e invita a valorar as pequenas cousas, o verdadeiramente importante: a vida.
Tras a súa estrea primeira en Santiago, e o pasado sábado en Vilagarcía, o equipo de Idiotas está a pensar en traer a curtametraxe á cidade do Lérez, así que estade atentos porque é altamente recomendable e dende PontevedraViva vos avisaremos da data. Para máis información: www.idiotas.info