A mostra de escultura e pintura do artista Diego de Giráldez xa pode visitarse no Mosteiro de Poio
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, participaron este martes no acto de inauguración da mostra que, un ano máis, ofrecerá o pintor da Cañiza Diego de Giráldez no Mosteiro de San Xoán.
Con esta son xa 38 as veces nas que o emblemático templo acolle a exposición dun artista que, tal e como sinalou o máximo representante do Concello, "considerámolo un veciño máis de Poio, ademais dun gran referente do mundo da arte a todos os niveis". Cómpre lembrar que De Giráldez é o impulsor do movemento ‘NAS’ (Naturalismo, Abstracción e Surrealismo) e na súa traxectoria destacan as coleccións levadas a máis de 150 museos repartidos por todo o mundo.
Nesta ocasión, a exposición conta con novidades con respecto a edicións de anos anteriores. Entre as máis de 20 pinturas e as esculturas que se poderán visitar no Mosteiro, destacan a escultura relacionada co patrón do municipio, San Xoán, e tamén unha figura vencellada ao Camiño de Santiago, nun ano moi especial ao continuar sendo Ano Xacobeo. "As imaxes que trato demostran o valor dos obxectos, cunha realidade que ás veces resulta fabuladora", apunta Diego De Giráldez.
Entre as obras expostas non faltarán varias relacionadas co movemento ‘NAS’, así como outras realizadas en diferentes etapas da súa ampla traxectoria artística. Tamén destaca unha recreación da Gioconda. Nesta ocasión, a exposición tamén presenta a particularidade de ser "máis dinámica", en palabras do seu responsable, xa que está previsto que ao longo dos vindeiros meses experimente modificacións, incorporando novas obras.
"Desde 1984 o Mosteiro de Poio acolle esta exposición sen interrupcións, polo o vínculo entre o noso municipio e Diego de Giráldez está moi afianzado e estamos orgullosos de que así sexa", asegurou o alcalde Sobral. Ademais, tanto o rexedor como o propio artista resaltaron a boa acollida que tivo a colección durante a súa última estancia no Mosteiro.
"Rexistráronse moitas visitas, a pesar do difíciles que foron os meses da pandemia", sinalaron. Ademais, De Giráldez aproveitou a ocasión para, un ano máis, agradecer tanto aos responsables do templo como ao Concello o feito de que "me sigan acollendo aquí con tanta ilusión. Poio para min sempre será un lugar especial, no que me tratan como na miña propia casa".
Pola súa banda, Luciano Sobral ten claro que esta exposición "enriquece máis se cabe a ampla oferta e os atractivos que existen no Mosteiro e, por extensión, no concello de Poio".