Delaporte completa o cartel do festival SonRías Baixas 2022
Por Alejandro Espiño
O dúo de pop electrónico Delaporte é a última incorporación ao cartel do festival SonRías Baixas 2022, que se celebrará en Bueu os días 4, 5 e 6 de agosto. Con eles, os organizadores pechan a oferta musical da súa décimo novena edición.
Actuarán no festival na noite do xoves 4 de agosto, na xornada de apertura do festival, xunto a bandas e artistas como Rels B, Sofía Gabanna, JazzWoman, Maurino e Cool Nenas.
Delaporte, formado por Sandra Delaporte e Sergio Salvi, presentará en directo Abril, o seu último traballo discográfico e, sen dúbida, o álbum coas sonoridades máis clubbing da súa traxectoria, na que destacan himnos como Clap, clap, Ni un beso ou Droga dura.
Durante os dous días restantes, polo SonRías Baixas pasarán unha vintena de artistas consagrados ou noveis, de diferentes estilos e con propostas singulares que transitan entre o rap, as músicas de raíz, a electrónica, o rock ou o stoner.
Bandas como Tanxugueiras, La M.O.D.A., Rayden ou Ciudad Jara presentarán sobre o escenario de Bueu os seus traballos discográficos máis recentes, nun festival no que, ademais, o dúo Arnau Griso se despedirá do público galego.
O cartel complétano Eskorzo, Sara Hebe, Bala, Suu, Emlan, Kase.O, Buhos, García Mc & Nación Quilombo e Balkan Paradise Orchestra.
O festival mantén neste mes de xuño o período para adquirir na páxina web oficial un cupo limitado de abonos de tres días -que tamén inclúen o acceso á zona de acampada, situada a 150 metros da praia- a prezo reducido, por 50 euros.
No caso daquelas persoas interesadas en asistir a unha ou dúas xornadas concretas do evento, tamén existe a posibilidade de mercar, no mesmo espazo web, entradas por día desde 30 euros.
Relacionadas:
-
O SonRías Baixas pecha o pano despois de tres días de emocionantes concertos
Por Redacción |
-
La M.O.D.A. e Tanxugueiras, pratos fortes da última xornada do SonRías Baixas
Por Redacción |
-
O Festival SonRías Baixas celebra a súa volta á normalidade
Por Redacción |
-
Volve o gran formato ao Sonrías Baixas con Tanxugueiras, Kase.O, Rayden, Jazzwoman, Cool Nenas e La M.O.D.A.
Por Redacción |
-
Doce novos artistas, entre eles La M.O.D.A., Ciudad Jara, Eskorzo ou Bala, ao SonRías Baixas 2022
Por Alejandro Espiño |
-
Tanxugueiras 'fichan' polo SonRías Baixas 2022
Por Redacción |
-
Kase.O, Rayden, Arnau Griso, Buhos, García Mc e Balkan Paradise Orchestra actuarán no SonRías Baixas 2022
Por Redacción |