O CEIP Plurilingüe de Tenorio presenta a película 'Entre camiños' na Cineteca de Madrid
Por Redacción
O alumnado do CEIP Plurilingüe de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, viaxará a Madrid esta fin de semana. Os estudantes presentarán a película 'Entre camiños', que elaboraron ao longo do presente curso escolar.
O acto desenvolverase na Cineteca de Madrid coa participación doutros centros da península Ibérica. Proxectaranse as películas de cinco dos centros participantes cunha exposición oral para xustificar as decisións adoptadas para a realización da película.
O proxecto forma parte do Programa Cinema en Curso, que pertence aos Plans Proxecta da Consellería de Educación. Neste programa, no seu ámbito global, participan centros de Cataluña, Euskadi, Galicia, Valencia, Brandeburgo, Berlín, Cidade de México ou Madrid, segundo informan desde o centro escolar.
O alumnado participante puido descubrir durante a realización desta obra a cultura propia da zona onde residen. Traballaron baseándose en obras doutros cineastas como Eloy Enciso ou Raymond Depardo para crear unha obra documental sobre os camiños como espazos físicos e tamén metafóricos nos que se unen vida social e traballo.
Para realizar esta película documental, os estudantes contaron coa colaboración do cineasta pontevedrés Ángel Santos, coa Filmoteca de Galicia e tamén coa axuda da Asociación A Bao A Qu.