A destacada pianista Isabel Pérez Dobarro imparte unha masterclass dentro do ciclo 'Mulleres e inspiración'
Por Redacción
Catro estudantes de maneira directa e alumnado que acudía como oínte recibían este sábado os ensinos dunha das máis destacadas pianistas actuais Isabel Pérez Dobarro, que participa no ciclo 'Mulleres e Inspiración', que promove o Concello de Pontevedra e a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra.
A masterclass desenvolvíase no auditorio do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga. Tras a sesión, a pianista compostelá, residente en Nova York, explicaba que "hai futuro" entre o alumnado pontevedrés porque "tocaron e interpretaron moi ben" as pezas ao piano que ela foi seguindo.
Isabel Pérez Dobarro convidou a que estes novos talentos lle envíen as súas gravacións ou se conecten con ela a través de vídeo chamada para que sigan recibindo o asesoramento da artista. As tres alumnas e o alumno recibiron un diploma nun acto que presidía a concelleira Carme Fouces.
Este domingo 5 ás 19.30 horas, Isabel Pérez Dobarro ofrecerá un concerto como solista no auditorio do Pazo da Cultura acompañada por integrantes femininas da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Neste recital estrearanse tres obras: WoOmen, de Mario Diz, sobre un tema de Brahms dedicado a Clara Wieck Schuman; 'El último adiós', de Julia Dopico Vale; e ' Lonxe do lar queridiño', de Carmen Díez. A directora á fronte da agrupación será Claudia Dubé, directora da Orquestra de Barcelona.
As entradas atópanse á venda ao prezo único de cinco euros en Ataquilla e, en caso de non esgotarse, poderanse adquirir no Pazo da Cultura desde unha hora antes do inicio do concerto.
Relacionadas:
-
Piden colaboración para recuperar un violín roubado a unha integrante da Orquestra Xove da Filharmónica Cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
As mulleres máis inspiradas ofrecen un concerto vibrante no Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
A muller inspira á música clásica en Pontevedra
Por Redacción |
-
'Mulleres e Inspiración', o ciclo para poñer en valor a compositoras, directoras e instrumentistas de música clásica
Por Diana Eiras & Anxo Lourido |