Os mellores microrrelatos dos novos escritores están en Bueu
Por Redacción
Dúas mozas de Bueu están entre os gañadores do quinto concurso de microrrelatos convocado pola Real Academia Galega e a asociación PuntoGal. Antía Novas Arribas e Elena Pastoriza Cortizo son as autoras das historias premiadas nas categorías xuvenil e infantil.
Antía Novas, alumna de segundo de Bacharelato do IES Johán Carballeira de Bueu, resultou a gañadora do primeiro premio na modalidade xuvenil co relato "Sen", unha historia estremecedora de pouco máis de cen palabras.
Foi a elixida polo xurado entre as case duascentas propostas remitidas por mozos de 12 a 17 anos, que foron avaliadas polos académicos Fina Casalderrey e Ramón Nicolás, Edita de Lorenzo e Cristina Ríos de PuntoGal e Santiago Romero Quintas, da revista Luzes.
O mesmo xurado foi o encargado de seleccionar a mellor das preto de trescentas historias presentadas por nenos e nenas de ata 11 anos.
Neste caso foi para "O gran baile", un relato de tan só dezaseis palabras que representa unha fermosa danza planetaria. É obra de Elena Pastoriza, alumna do CEIP Montemogos de Beluso.
As premiadas recibirán, nun acto que terá lugar proximamente na Real Academia Galega, diferentes galardóns tecnolóxicos e libros, entre outros obsequios, e os seus relatos serán ademais recollidos nunha publicación dixital.