O trío La Bellemont trae a Pontevedra a esencia musical da Francia do século XVIII
Por Redacción
Organizado pola Sociedade Filarmónica de Pontevedra, este luns 5 de novembro ás 20:30 horas, terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra o concerto do trío La Bellemont. Trátase dunha formación musical creada en 2007 e integrada por Sara Ruiz (viola da gamba), Laura Porto (clave) e Rafael Muñoz (tiorba).
Tras varios anos colaborando profesionalmente con prestixiosos grupos de música antiga como Al Ayre español, Camerata Iberia, Orquesta Barroca de Sevilla, Armonico Tributo Austria ou Los músicos de su Alteza, os seus tres músicos sentiron a necesidade de crear un ensemble propio que conseguise interpretacións baseadas nunha gran solvencia técnica, un son de grupo completamente persoal e un grado máximo de implicación coa música.
O seu CD La voix de viole, gravado en 2009, mereceu a distinción "5 de diapasón" outorgada pola prestixiosa revista francesa Diapason. ÿ o resultado do traballo de tres músicos unidos nun proxecto común. Neste disco ofrecen os froitos da intensa busca que lles guiou desde o inicio: que o oínte poida sentir a voz da viola, un instrumento prontamente extinguido a finais do século XVIII e na actualidade resucitado que, acompañado dos seus contemporáneos a tiorba e o clavecín, logre emocionar aos oíntes do século XXI.
O concerto que ofrecerá La Bellemont na Sociedade Filarmónica de Pontevedra móstranos a voz de viola da gamba a través da música de Marin Marais. A música do concerto pertence pois ao exquisito repertorio para viola da gamba e baixo continuo na Francia do século XVIII, momento de máximo esplendor deste instrumento.