Clases de violín folk en Xustáns e regreso da xuntanza Follas do Olivar á Insua
Por Redacción
Ponte Caldelas acolle estes días dúas sinaladas citas culturais, clases de violín folk en Xustáns a cargo do recoñecido chelista norteamericano Mike Block e o regreso da Xuntanza Follas do Olivar á Insua.
Por unha banda, a asociación cultural Galicia Fiddle, que traballa para difundir o uso do fiddle (violín folk) na música tradicional galega, organiza dúas xornadas didácticas e musicais con Mike Block. Este gran e innovador violonchelista estará os próximos días 4 e 5 de xuño en A Casa dos Músicos, en Xustáns.
A xornada do sábado constará de catro clases de hora e media e finalizará, como é habitual, cunha cea, e o domingo terá lugar un obradoiro infantil que rematará cun pequeno concerto na sesión vermú, ao que se poderán unir os familiares dos nenos que asistan a esta actividade.
Por outra parte, a Xuntanza Folk Follas do Olivar convoca para o vindeiro sábado 11 de xuño, a partir das 12.00 horas, aos afeccionados á música popular. O certame inclúe unha ampla programación de lecer, con xogos tradicionais, feira de artesanía, actuacións e diferentes postos de comida para desfrutar dun xantar popular na carballeira da Carreira Ancha, na Insua.
Baixo o impulso da asociación cultural 'Nós Tamén Imos', logo de dous anos de parón pola pandemia volve un certame que celebra a súa sexta edición consolidado como referencia en toda a comarca.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, recibiu este mércores ós membros da directiva da asociación para lanzar o cartel da Xuntanza Folk, que nesta sexta edición contará coa participación dos grupos: Nós Tamén Imos, A Troula de Soutomaior, Escola de Zanfonas do Viso, Os Xeitosos da Insua, Escola de Baile Tracional ‘Trouleada’ de Ponte Caldelas, Cé Orquestra Pantasma, @s recortid@s, Os Carunchos e Zurrumalla.