Unha homenaxe musical para un dos fotógrafos galegos máis internacionais
Por Mónica Patxot & Redacción
As ruínas de Santo Domingo acolleron este mércores o concerto 'José Suárez. Suite para unha vida', unha composición de Rafael Fernández coa que se quere homenaxear a vida e traxectoria profesional do fotógrafo José Suárez, recoñecido internacionalmente pola súa serie 'Mariñeiros'.
Este espectáculo musical contou co propio Rafael Fernández á guitarra acompañado por Pablo Pérez no contrabaixo; Virgilio da Silva na guitarra eléctrica; Álex Salgueiro nos teclados; e con elementos visuais creados por Iván Torres.
A música ofreceu atmosferas e mesmo pasaxes descritivas inspiradas nas fotografías e no momento vital que José Suárez experimentou en Bueu e na comarca do Morrazo durante a súa estancia no século XX. Léronse textos de Suárez e doutros intelectuais como Blanco Amor ou Miguel de Unamuno, con quen o fotógrafo mantivo unha amizade cando se coñeceron en Salamanca.
José Suárez, nacido en Allariz no ano 1902, conta con obras baseadas nas actividades profesionais de xente do mar, profesionais da olería, da sega ou das romarías que se desenvolvían nos pobos de Galicia a principios do século XX.