María Galiana: "Se un home aparece na miña porta non hai posibilidade de que lle abra. De ningunha maneira"
Por Alejandro Espiño
A piques de cumprir 87 anos, María Galiana (Sevilla, 1935) segue ao pé do canón. Esta incombustible actriz, que cada semana entra en todos os fogares españois co seu papel de Herminia en Cuéntame cómo pasó, segue compaxinando este traballo o seu outra paixón, o teatro.
Con esta segunda faceta regresa a Pontevedra. Faino na recta final da xira da obra El abrazo, unha historia sobre o amor na terceira idade que representará, xunto aos actores Jesús Meseguer e Jimmy Roca, este xoves (20:30 horas) no auditorio de Afundación.
Recorrendo ao título da obra, consideras que estamos necesitados de abrazos?
Desde logo, sobre todo nas circunstancias de saúde que estamos a atravesar. Hai máis de dous anos que non podemos expresar o noso agarimo ou ter esa relación tan próxima que sempre tivemos con familiares, amigos e xente que queremos. Haberá persoas ás que lles custe máis que a outras, pero este distanciamento produce moita sensación de illamento.
A María Galiana que abrazos lle reconfortan máis?
Os dos meus netos. Agora coa idade que teño e xa viúva desde hai 14 anos, a relación cos meus netos é a que máis me apetece desde o punto de vista do agarimo, dos abrazos e dos bicos. Eu, a pesar de todo, esmágoos moito. Non podo evitalo.
A Rosa, o teu personaxe en El abrazo, ese primeiro abrazo dállo un antigo amor.
É un dos dous abrazos crave do meu personaxe, O primeiro é o propio dun reencontro cun antigo amante de hai 40 anos. É un abrazo nostálxico máis que outra cousa, porque ao longo da función vese que non é posible renovar esa relación. É imposible revivir algo que xa pasou. Está pasado e ben pasado.
"A relación cos meus netos é a que máis me apetece desde o punto de vista do agarimo, dos abrazos e dos bicos"
E o segundo?
Ese é cun personaxe absolutamente orixinal que é a encarnación material dun fillo que eles quixeron ter, a ilusión que tiñan cando eran amantes e que non chegou a realizarse. Dalgunha maneira encarna ese fillo que teñen os dous permanentemente no seu pensamento.
Como navega Rosa entre esas dúas realidades?
É unha cousa de realismo máxico. Non ten sentido nunha realidade inmediata, Iso é o bonito e interesante da obra e o que a xente en xeral descobre. Non é o que se están imaxinando que van ver, que é o reencontro de dous persoas que foron amantes de mozos.
Ás veces, é mellor non volver ao lugar no que se foi feliz, non?
Esa é unhas posibles visións da obra, si. Hai outras que xa se verá, que non quero facer spoiler. A graza da obra é que sorprenda ao espectador. E sorprende moito. Non oímos ao longo de todo este tempo unha soa tose. Iso é importantísimo.
Que ten Rosa de María Galiana e viceversa?
Ten algo no que coincidimos moito. Eu son unha persoa moi independente. Gústame vivir soa e estou orgullosa diso. Son unha muller libre porque grazas a deus non dependo aínda dos demais e paréceme que hai algo de valentía na súa postura ante a vida. Eu tamén a teño, non teño por que ocultalo. Niso tamén nos parecemos bastante.
E que faría María Galiana se, como a Rosa, un home aparece na súa porta?
Non, non. Nese caso, non habería posibilidade de que María Galiana abrísese a esa nova situación. Nunca na vida. De ningunha maneira (ri). Iso téñoo moi claro.
Como foi xirar coa obra nestas circunstancias?
Foinos bastante ben, a verdade. Podemos darnos cun canto nos dentes. Estreámola en marzo do 2021 e desde hai un ano estamos de xira. Estamos a terminar xa. Quédanos Cidade Real, Xaén e algunha praza máis, pero a función está a piques de acabar.
Dixeches moitas veces que cho pasas moi ben interpretando esta obra, que ten El abrazo que te divirte tanto?
Ten moitísima vitalidade e, dentro do seu ton dramático, ten un humor finísimo e extraordinario. A xente ri moito ao principio e despois xa a cousa vai poñéndose máis seria. E iso gústame porque, por sorte ou por desgraza, estou no escenario desde que empeza ata que acaba a función. Non teño nin un momento para distraerme e pásoo moi ben.
A xente necesita rirse e distraerse, non crees?
Absolutamente. E nesta función van atopalo. Non é unha comedia cómica, pero ten uns golpes perfectos para que a xente estea relaxada e a gusto. Eu pásoo moi ben. Estou a gusto e feliz facéndoa. A xente nota que o estou pasando ben.
"Non me gustaría morrer en Cuéntame, francamente non. Interpretar a Herminia mentres morre custaríame moitísimo"
E de Rosa a Herminia. Tras 22 tempadas de Cuéntame, queda algo por contar?
A Cuéntame xa queda pouco. Creo que non moito xa. Estamos a gravar o ano 94-95 e paréceme que xa dá pouco de si. Baixou a audiencia, aínda que non esaxeradamente. Mantémonos aínda bastante ben pero creo que nos debemos de ir nun momento no que aínda o público está connosco. As cousas hai que saber cortalas.
E imaxinaches como será a despedida de Herminia?
Non o sei. Non o pensei porque os guionistas teñen unha imaxinación extraordinaria. Sempre están a pensar en cousas novas e dando voltas. Que sei eu que pensarían. Gustaríame que me sorprendesen. Non me gustaría morrer na serie, francamente non.
Interpretar a Herminia mentres morre custaríame moitísimo. Non me apetece facer unha cousa tan dramática. Ela sempre foi o axóuxere da serie. Non me gustaría acabar así. Xa veremos que pasa. Igual mándanme a unha residencia ou eu que sei.