Florencio Delgado Gurriarán, un activista cultural e editor literario defensor do galeguismo
Por Redacción
O 17 de maio de 1963 comezou a celebrarse o Día das Letras Galegas como data de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Aquel día coincidía co centenario da publicación do primeiro exemplar dunha obra fundamental na literatura do país, Cantares Gallegos, da poeta Rosalía de Castro.
Neste 2022, outro poeta, Florencio Delgado Gurriarán, é a figura desta conmemoración. Este autor, nado en Córgomo, no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras un 27 de agosto de 1903, tivo unha traxectoria ampla como activista cultural galego. Traballou como editor, corrector e tradutor participando na fundación e redacción de publicacións emblemáticas como Vieiros ou Saudade. Formou parte das Irmandades da Fala, foi socio protector do Seminario de Estudos Galegos e participou na campaña para a creación do Estatuto de autonomía.
Ademais, Delgado Gurriarán desenvolveu un importante compromiso político en defensa do galeguismo. Foi militante desde o ano 1933 do Partido Galeguista e tivo que exiliarse, co inicio da Guerra Civil, primeiro a Portugal, despois a Francia, para a continuación, residir na Barcelona republicana onde publicou poesía de combate e xestionou a saída de guerrilleiros por Portugal. En 1939 retornou a Francia e alí axudaba a trasladar refuxiados a América.
Posteriormente, o poeta ourensán ten que emigrar a México onde, durante os anos corenta e cincuenta, mantivo unha importante actividade colaborando con Castelao en propostas editorais e radiofónicas. Colaborou no libro Cancioneiro da loita galega asinando como Nadel, promoveu o Padroado da Cultura Galega en México e, con Carlos Velo e Luís Soto, publicou a revista máis importante do exilio galego, Vieiros. En 1963 publicaba unha escolma de poemas con temática mexicana no libro Galicia Infinda, tal e como recolle o Consello da Cultura Galega.
Volveu a Valdeorras en 1968, localidade á que retornaría en 1976 e en 1981, ano en que toma posesión como Membro de Mérito do Instituto de Estudos Valdeorreses e convértese en membro correspondente da Real Academia Galega. En 1986 publicaba O soño do guieiro, un traballo que homenaxea a Castelao con poemas de loita e compromiso.
Faleceu o 15 de maio de 1987, aos 84 anos de idade, en Fair Oaks, California, na casa dunha das súas fillas. Os seus restos mortais descansan no camposanto de Córgomo. Nesta parroquia, a Real Academia Galega celebrará ás 12.30 horas deste martes a sesión extraordinaria do Día das Letras Galegas.
Relacionadas:
-
Unha conferencia de Margarita Ledo para celebrar as Letras Galegas en Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
Unha mostra recolle elementos da vida e obra de Florencio Delgado na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
RADIO.- O CEIP Carballal de Marín homenaxea un ano máis ás Letras Galegas cun videoclip
Por Marisa Ciordia |
-
San Martiño conmemora o Día das Letras Galegas cos dous concertos na 'Casa verde' de Salcedo
Por Redacción |
-
AT-59, Haku e Dabelaii poñerán a melodía aos poemas de Florencio Delgado no concurso Música nas Letras
Por Redacción |
-
Florencio Delgado Gurriarán, exemplo da loita polo país e a lingua galega
Por Redacción |
-
RADIO.- A cantautora pontevedresa Sheila Patricia viste a súa música este xoves con poemas de Florencio Delgado Gurriarán
Por Redacción |
-
O Día das Letras Galegas estará marcado pola poesía en Marín
Por Redacción |
-
Conferencias, teatro e unha exposición para celebrar as Letras Galegas en Poio
Por Redacción |