Entre os meus lugares favoritos de Manhattan, o máis famoso dos cinco grandes barrios de Nova York, está o inmenso parque de Central Park, que serve como admirábel exemplo de como se pode transformar completamente a paisaxe dunha urbe para mellorar a vida da cidadanía. Ocupa nada máis e nada menos que trescentas corenta e unha hectáreas con máis de catro quilómetros de longo por oitocentos metros de ancho entre a rúa 110 polo norte, a 59 polo sur, a Quinta Avenida polo este e a Oitava, que nesta zona se chama Central Park West, polo oeste.
As cifras que acompañan as descricións deste enorme pulmón verde son astronómicas, pois é un dos parques urbanos máis grandes do mundo, dúas veces maior que o estado de Mónaco, contén máis de catro millóns de árbores e arbustos de mil cincocentas especies, acolle douscentos setenta e cinco tipos de aves, ten trinta e seis pontes, sete lagos de diferentes tamaños con diferentes fervenzas e cada ano recibe a visita de aproximadamente corenta e dous millóns de persoas.
O que máis chamou sempre a miña atención deste gran parque público, que tardou vinte anos en construírse, foi a súa historia. Central Park non formaba parte da planificación urbana da cidade, mais entre os anos 1821 e 1855 Nova York medrara tanto que case cuadriplicara a súa poboación. Había moitos edificios e moitas rúas, pero os seus habitantes non tiñan ningún lugar ao que acudir para despexar a mente nos seus momentos de lecer, polo que, por incríbel que resulte, acudían aos cemiterios por necesidade de escapar do caos e o ruído constante dunha cidade na que vivían apiñados, e por iso no ano 1853 se aprobou a construción dun gran parque para o que as autoridades do estado mercaron os terreos que nese momento estaban ocupados por vivendas de afroamericanos acabados de liberar da escravitude que habitaban a zona coñecida como Seneca Village xunto a inmigrantes pobres recén chegados ao país dende Irlanda e Alemaña.
Unha vez culminado o violento desaloxo de arredor de mil seiscentas persoas en medio de grandes protestas e acusacións de racismo, procedeuse a nivelar o terreo, desecar pantanos, crear lagos artificiais e plantar milleiros de árbores en toneladas de terra traída do veciño estado de Nova Jersey porque a do lugar non reunía as condicións necesarias para o cultivo.
Os dous artífices de levar a termo este xigantesco proxecto, un grande logro que revolucionou a arquitectura paisaxística, foron o enxeñeiro agrónomo Frederick Law Olmsted e o arquitecto Calvert Vaux, gañadores do concurso público para a súa construción no ano 1857.
A operación non só xerou un pulmón verde en medio dunha cidade gris senón que tamén conseguiu que os inversores privados que sufragaran a súa construción recuperasen os cartos investidos ao mercaren os inmóbeis e terreos adxacentes para poderen revendelos a un prezo moitísimo máis alto. Todas as vivendas e locais dos edificios con vistas ao parque, en Upper West e Upper East Side, atópanse entre os máis caros da cidade de Nova York.
As influencias no deseño de Central Park viñeron fundamentalmente dos clásicos xardíns ingleses, coas súas estatuas, o uso de lagoas con embarcacións, ou as variacións de nivel no terreo, mais a innovación máis grande do plan presentado polos seus creadores residiu no trazado de toda unha rede de camiños e sendeiros para peóns e carros de cabalos cun percorrido de arredor de noventa quilómetros e, o máis importante, no feito de que o intenso tráfico das rúas adxacentes quedase completamente agachado detrás dunha enorme barreira de árbores que a día de hoxe crean unha paisaxe na que en ningún momento se rompe a sensación de rusticidade. Dende o momento en que se entra en Central Park resulta bastante doado esquecer que se está no medio dun auténtico labirinto de rúas ateigadas de vehículos que se estende en todas as direccións ao longo de quilómetros e máis quilómetros.
Entre os lugares do parque que me resultan máis atractivos está a chamada Bethesda Terrace, unha fermosa praza con vistas ao lago coñecido como The Lake, construída en dous niveis, no máis baixo dos cales hai unha fonte da escultora Emma Stebbins titulada "O anxo das augas" aínda que todo o mundo a coñece como a fonte de Bethesda. Trátase dun lugar onde conflúen moitos camiños, paseos e sendeiros e por iso está sempre cheo de xente.
Outra zona que me fascina é o gran estanque de Conservatory Water, famoso porque nunha das súas beiras ten un quiosco onde se poden alugar pequenos veleiros teledirixidos cos que pasar un bo anaco de tempo a xogar e porque ás veces no inverno se transforma en pista de patinaxe sobre xeo. Nas súas partes norte e oeste ten dúas estatuas que homenaxean á literatura nas figuras de Hans Christian Andersen e a Alicia no país das marabillasde Lewis Carroll.
Se avanzamos a través de Central Park cara ao norte chegaremos á lagoa de Harlem Meer, a fronteira norte do parque co barrio de East Harlem, pero antes pasaremos polo inmenso lago de corenta e tres hectáreas coñecido como Jacqueline Kennedy Onassis Reservoir, rodeado por unha pista para facer exercicio que mide dous quilómetros e medio e foi escenario de innumerábeis escenas de series de televisión e películas.
Antes de chegar ao Reservoir, na área máis céntrica do parque, no seu corazón, están outros dous dos meus lugares favoritos, o Delacorte Theater, un teatro ao aire libre de mil oitocentas localidades fundado no ano 1962 á altura da rúa 80, que acolle cada verán o festival Shakespeare in the Park, no que se representan obras do dramaturgo inglés, e o castelo de Belvedere, un capricho de estilo vitoriano levantado no ano 1865 no punto máis alto do parque ao borde mesmo da lagoa de Turtle Pond e do chamado Great Lawn, unha xigantesca extensión de céspede que contén oito campos para xogar ao béisbol.
Podería seguir a enumerar lugares que me fascinan de Central Park, como The Dairy, unha antiga leitaría para subministrar leite aos nenos da cidade, agora convertida en centro de información, ou The Mall, un elegante paseo que transcorre entre olmos e estatuas de escritores, ou The Loeb Boathouse, unha bonita casa de madeira flotante onde se poden alugar botes para remar, entre moitos outros, pero vou aproveitar para rematar este pequeno percorrido polo parque nos xardíns de Strawberry Fields, financiados a xeito de homenaxe a John Lennon por iniciativa da súa viúva, Yoko Ono con doazóns procedentes de moitos lugares do mundo, xusto en fronte do Edificio Dakota, á altura da rúa 72 na avenida de Central Park West, en cuxa porta foi asasinado o músico no ano 1980. Ten un famoso mosaico circular en branco e negro coa palabra Imagine escrita na súa parte central que foi doado para a súa inauguración en 1985 pola cidade italiana de Nápoles e axiña se converteu en punto de peregrinación de admiradores do cantante que día tras día acoden ao lugar para depositar flores e poemas.
Central Park é un lugar que realmente paga a pena visitar para se deixar perder nalgúns dos moitos lugares que a todos nos resultan coñecidos por obra e graza das películas de Hollywwod. Iso si. A visita é mellor efectuala de día, porque cando cae a noite non é un lugar especialmente recomendábel.
© Xesús Constela, 2022