Xoel López despide en Pontevedra a xira galega de "Atlántico", o seu último disco
Por Alejandro Espiño
A xira Atlántico de Xoel López toca ao seu fin. O seu último concerto será o próximo 17 de novembro na Sala La Riviera de Madrid. Pero antes, os seus paisanos teremos unha última oportunidade de gozar coas cancións do seu disco máis recente, o primeiro que edita sen o "selo" Deluxe. Será en Pontevedra. O Pazo da Cultura acollerá este venres 9 de novembro ás 21:30 horas, o último concerto en Galicia deste artista coruñés.
Atlántico (Esmerarte, 2012) é o duodécimo traballo da carreira de Xoel López, o primeiro editado baixo o seu propio nome, deixando atrás a etapa como Deluxe. Producido xunto a Juan de Dios Martín e gravado entre A Coruña e Bos Aires, foi dos lanzamentos máis esperados de 2012, xa que supuxo unha nova etapa musical e persoal para o artista tralo seu paso por diferentes países de América e o proxecto "Xoel López e a Caravana Americana", que enriqueceron os ritmos e fortalecido as melodías das súas novas cancións.
"En todos mis discos ha habido una evolución respecto al anterior. En este caso, casi se podría decir que hay una involución porque, si tiene alguna influencia, es de músicas más antiguas. No es excesivamente moderno. Pero posiblemente sí sea mi disco más personal", recoñece o propio Xoel López, un dos artistas máis representativos e influyentes da nova canción española.
Aínda que sempre se moveu entre os sons do pop-rock alternativo e o folk clásico, el defínese como un artista libre. E así o demostra. Deixando atrás unha carreira exitosa e consolidada no seu país, en xaneiro de 2009 cruza o charco e empeza unha nova etapa no continente americano. Acompañado da súa guitarra (e dalgúns amigos) buscaba recuperar a esencia dos primeiros días tocando en diferentes salas, teatros ou festivais acompañado por músicos dos diferentes países que el visita.
Froito desta aventura, xurdiu o novo son que Xoel López adopta en Atlántico, un disco co que estivo de xira por España durante máis de sete meses e cuxo punto e final ponse agora en Pontevedra e Madrid. Por diante quédalle agora o seu regreso a Latinoamérica, onde volverá ser igual de ben recibido que hai xa tres anos.
As entradas para o seu concerto en Pontevedra, que custan 15,75 euros, pódense adquirir en Servinova, a taquilla electrónica de Novacaixagalicia.