Artistas de Pontevedra e Ucraína danse a man para "non seguir mirando cara a outro lado" coa guerra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Desde Culebra Studio pensamos que non podemos seguir mirando cara a outro lado e a forma na que podemos achegar o noso gran de area é a través da arte en apoio ao pobo ucraíno". Así presentaba hai uns días o espazo alternativo Culebra Studio da rúa San Antoniño a súa última iniciativa, unha exposición solidaria de artistas de Pontevedra e Ucraína que busca recadar fondos para unha ONG do país en guerra.
A exposición inaugurouse o pasado sábado 7 de maio e a súa intención inicial era abrir tan só unha semana, pero decidiron prorrogala e expoñer as obras de 30 creadores, artistas gráficos e deseñadores ata o sábado 21. Dúas semanas nas que este espazo que abriu o pasado mes de febreiro en Pontevedra converterase en lugar de unión entre pobos.
E é que desde o estudo sinalan que "o pobo que é, unha vez máis, o que paga coas súas vidas os delirios de grandeza duns cuantos" e eles quixeron facer a súa achega para minimizar o impacto da invasión de Rusia na poboación de Ucraína.
Cecilia Paredes, unha das socias deste espazo alternativo, explica que todo tivo a súa orixe nun encontro co ilustrador e tatuador ucraíno Artem Kovalenko, que chegou desde a cidade ucraína de Odessa a Vilaboa coa súa parella, Kate. Foi un dos primeiros refuxiados do país en guerra nesta zona, descubriu Culebra Studio e entrou para coñecelos.
Artem propúxolles colaborar cunha expoción solidaria a favor da organización humanitaria Mashafund (https://mashafund.org/) e os tres impulsores de Culebra Studio non llo pensaron dúas veces e puxeron en marcha unha acción cultural cuxos beneficios irán parar integramente a este ONG que desde o ano 2020 promove a oposición a todas as formas de violencia e axuda ás mulleres maltratadas a desenvolver un enfoque de tolerancia cero cara á violencia doméstica na sociedade ucraína.
Cecilia e Santiago Paredes e o grafitero O'Ras buscaron aos artistas locais e Artem aos estranxeiros. O traballo en equipo fixo realidade unha exposición de obras diversas e, en moitos casos, reivindicativas, contra a guerra e a favor da paz. Ademais, unha vez que se fixo pública a iniciativa, novos creadores contactaron con eles para ofrecerse a colaborar.
Finalmente, foron 30 os creadores que se sumaron a esta exposición colectiva. Deles, 17 son pontevedreses e 11 ucraínos. Ademais, hai dous artistas de Bielorrusia e Rusia. As súas obras pódense ver en formato físico en Culebra Studio e tamén a través da web do espazo, www.culebrastudio.com.
Os artistas locais, tanto de Pontevedra como doutras partes de Galicia, son Asten, Pow One, O’Ras, Santiago Paredes, Juan Jiménez, Tocho, Diego Rúa, Adrián Cao, Doc Toy, Salvador Vila, Sofía Holdes, Rico, Iván Cerro, Isaac Sucasas, Ban, Sedo, Máximo e Juan Juste.
A representación de Ucraína, Rusia e Bielorrusia chega da man de Aq Tattoo, Gennadich Tattooer (Artem), As Tattooer, Dase Tattoo, Dear Sergggio, Karas, Khimz Tattooer, Tattoodrossel, Deaht Only, But Tattooer, ttoo_diaz, Daria Tattoo e Ars Punx.
Tal e como explica Cecilia Paredes, a maior parte das obras doadas polos artistas son dixitais porque facilita o envío das obras aos compradores e porque hoxe en día a maior parte dos creadores xa compoñen en formato dixital. A parte ucraína compóñena, sobre todo, tatuadores, pero trátase dunha exposición diversa que mestura diferentes ramas de arte urbana que "encaixan moi ben xuntas, compleméntanse moi ben".
Moitos artistas locais achegaron a esta exposición obras xa creadas con antelación, pero na parte ucraína son, sobre todo, creacións novas nas que se nota "a herdanza da guerra", son moi críticas coa invasión de Rusia, algunhas máis centradas na guerra eu tras sobre a paz.
A acollida, de momento, foi "fantástica", en especial nas propias instalacións de San Antoniño.
Relacionadas:
-
AGA Ucraína organiza dous eventos solidarios para recadar fondos
Por Manu Otero |
-
AGA-Ucraína pide colaboración ás empresas para organizar sorteos solidarios polas vítimas da guerra
Por Redacción |
-
Organizan en Barro un partido solidario en favor das familias ucraínas refuxiadas no municipio
Por Redacción |
-
24 toneladas de solidariedade, rumbo a Ucraína
Por Anxo Lourido |