'Mulleres e Inspiración', o ciclo para poñer en valor a compositoras, directoras e instrumentistas de música clásica
Por Diana Eiras & Anxo Lourido
Judith Rey, vicepresidenta da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, e a concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentaban este luns 'Mulleres e Inspiración', unha iniciativa que leva xestándose desde hai máis dun ano baseándose nas investigacións da integrante da Filharmónica sobre o papel das mulleres na música clásica.
Este programa iniciarase o 1 de xuño coa conferencia 'O papel da muller na música para rapaces e maiores', que será ofrecida pola propia Judith Rey. Comezará ás 20.00 horas no Salón de Actos do Pazo da Cultura. Durante esa xornada está prevista a instalación dos cubos pertencentes á mostra 'Mulleres compositoras galegas', dedicado a autoras que, en moitos casos, desenvolveron un labor descoñecido para o gran público.
O venres 3 de xuño, o mesmo espazo acollerá a conferencia 'A muller na música. Perspectiva histórica e situación actual', a cargo de Isabel Pérez Dobarro, concertista afincada en Nova York e que mantivo unha importante traxectoria profesional con concertos en Estados Unidos, Rusia, Bélxica, Arxentina, Italia, Portugal e España.
O sábado 4, a actividade trasladarase ao auditorio do Conservatorio Manuel Quiroga. Alí celebraranse as sesións da Masterclass 'Mulleres compositoras. Repertorio de piano', con Isabel Pérez Dobarro. Haberá catro prazas para alumnado activo e o resto de persoas interesadas poderán asistir como oíntes. Trátase dunha proposta gratuíta, con inscrición previa a través do correo orquestra.ofcp@gmail.com, enchendo o formulario dispoñible nas redes e na web da Filharmónica de Pontevedra e no Telescopio da Cultura.
Xa por último, o domingo 5, a partir das 19.30 horas, o auditorio do Pazo da Cultura acollerá o concerto que leva por título 'Mulleres e Inspiración', coa estrea mundial de tres obras. A peza 'WoOmen', de Mario Diz, sobre un tema de Brahms, dedicado a Clara Wieck Schuman, artista inspiradora do músico alemán; 'El último adiós' de Julia Dopico e 'Lonxe do lar queridiño', de Carmen Díez, con arranxos a cargo de Benxamín Otero.
Este concerto terá como principal novidade que será realizado só por instrumentistas mulleres da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. A dirección correrá a cargo de Clàudia Dubé Oranias, directora da Orquestra de Barcelona. A solista ao piano será Isabel Pérez Dobarro mentres que Judith Rey interpretará a frauta solista.
As entradas atoparanse á venda a partir deste martes 10, ás 12.00 horas, a un prezo único de cinco euros en Ataquilla.com. No caso de que non se esgoten poderán adquirirse no despacho de billetes do Pazo da Cultura unha hora antes do inicio do concerto.
A concelleira de Cultura sinalou que este é un primeiro paso para traballar neste campo da actividade musical feminina no ámbito clásico. Está prevista a creación dunha páxina web que recolla toda a investigación desenvolvida por Judith Rey coa idea de rescatar obras que de non ser elaboradas por mulleres "serían referentes" da composición desde hai séculos. Fouces destacou o traballo desenvolvido por mulleres que contaron con escasa repercusión como Wilhelmine von Preussen, filla do Rei Federico I de Prusia ou Clara Wieck Schumann, filla dun afamado vendedor de pianos e muller de Robert Schumann.