O compositor marinense Felipe Rea volve facerse cunha mención de honra no concurso Rodrigo Landa de México
Por Redacción
O músico e compositor Felipe Rea Otero acaba de conseguir por segundo ano consecutivo un dos recoñecementos que ofrece o Concurso Internacional de Composición Rodrigo Landa Romero na súa edición de 2022.
Trátase dunha das cinco menciones honoríficas que ofrece a convocatoria mexicana e que consegue coa composición para piano 'Nin nota nin muiñeira un estado transitorio'. Xunto ao músico marinense, residente en Barro, tamén reciben esas mencións Marilena Zlatanou, Wanying Zhao, Gennady Stolyanov e Parsa Zandi.
Trátase dun concurso internacional que leva o nome do novo prodixio mexicano Rodrigo Landa, compositor, pianista concertista e cineasta de 16 anos de idade que gañou máis dunha ducia de prestixiosos premios internacionais de música. Comezou a tocar o piano e a compoñer aos seis anos e compuxo e publicou máis de 70 obras e nove álbums.
No que refire a Rea Otero, o pasado 2021 conseguía tamén outra mención honorífica coa composición 'Bágoas de amor'. Imparte clases de música en Pontevedra e forma parte do dúo de gaita e piano Quodlibet. Anteriormente, a súa traxectoria musical está vinculada a coñecidas formacións de música tradicional galega como Gandaina, Trompos os pés, Rumbadeira, Berrogüeto e Milladoiro.