Madeleine Peyroux, voz referencial do jazz, ofrecerá o seu Concerto Xacobeo o 15 de outubro no Pazo da Cultura
Por Redacción
Finalmente será o 15 de outubro ás 21.00 horas cando o escenario do Pazo da Cultura reciba á prestixiosa artísta do jazz contemporáneo Madeleine Peyroux, unha cantante, compositora e guitarrista cunha notable traxectoria artística. En 2021 suspendeu a xira que ía realizar en España e, por tanto, non se puido celebrar o concerto previsto en Pontevedra.
Este martes, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, anunciaba na Coruña a recuperación da actuación no auditorio pontevedrés o 15 de outubro deste 2022 dentro da programación de 'Xacobeo Importa' con doce actuacións nas principais cidades de Galicia, algunhas delas xa celebradas.
Trátase da décima edición deste ciclo de concertos que se desenvolverá en cinco cidades: A Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense, con actuacións como as de White Lies e The James Hunter Six en maio. O lendario guitarrista Path Metheny actuará o 25 de xuño na Coruña; Marisa Monte o 26 en Vigo. A danesa Agnes Obel, o 7 de xullo en Vigo e o músico soul Leon Bridges o 10 de xullo, tamén na cidade olívica. Entre outras actuacións destaca tamén a da banda Simple Minds, de gran éxito nos anos oitenta, o 27 de xullo na Coruña
O último concerto será o previsto en Pontevedra a cargo de Madeleine Peyroux, que foi coñecida internacionalmente grazas ao seu álbum 'Careless Love', do que vendeu máis dun millón de copias e logrou un disco de platino. Esta artista estadounidense recibe numerosas comparacións con Billie Holiday pola súa particular voz.
Nada en Athens, Xeorxia, esta artista combina o música jazz con outros estilos ofrecendo pezas moi accesibles cun universo melódico e poético propio. As entradas xa se atopan á venda en Ataquilla a partir dos 12 euros.