Cinema, música, lecer e un certame de narración oral para dar a benvida ao Mes da Lingua
Por Redacción
O Concello de Pontevedra celebra en maio o mes da lingua cun variado programa de actividades relacionadas co cinema, a música, a literatura ou o entretemento destinadas a fomentar o uso do galego.
O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentou este luns o evento, cuxa programación xa pode consultarse a través da web snl.pontevedra.gal/para-ti/maio-mes-da-lingua/
Unha das novidades deste ano é que o programa se difundirá exclusivamente a través de plataformas dixitais. Un soporte que confire maior axilidade e interactividade para consultar en tempo real a programación, incluír modificacións ou tramitar reserva de prazas naquelas actividades con aforo limitado.
Doutra banda, no hall de entrada do edificio administrativo do Concello instalaranse nun andel as obras de boa parte dos autores homenaxeados polo Día das Letras Galegas. Os libros estarán expostos ao público e calquera interesado poderá coller un e levarllo a casa.
Así mesmo, a través dos perfís de redes sociais do departamento de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra realizarase un sorteo dun lote de libros do autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán.
Outro dos acontecementos destacados deste mes da lingua galega en Pontevedra será un concurso de narración curta. Nos distintos centros sociais de cada unha das parroquias organizaranse concursos de contacontos para cuxa participación é necesaria a inscrición previa. Os participantes deben prepararse unha narración que non pode exceder dos catro minutos. Un xurado seleccionará aos mellores, que se citarán en maio nunha final na que se elixirá ao mellor narrador ou narradora de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O Garaxe Hermético e a Deputación amosan a Florencio Delgado Gurriarán a través da banda deseñada
Por Redacción |
-
A Deputación dará a coñecer a figura de Florencio Delgado Gurriarán con actividades para todas as idades
Por Redacción |
-
A Biblioteca de Pontevedra súmase en maio á celebración das Letras Galegas
Por Redacción |
-
Correlingua volve en versión "híbrida" cun acto na Alameda coa consigna "Fálame"
Por Diana Eiras & Anxo Lourido |
-
O ciclo de cine mudo con música en directo en Santa Clara comezará con "Nanuk, o esquimó"
Por Redacción |
-
'Música nas Letras', o concurso para animar a facer música en galego
Por Redacción |