O río Ebro, cuxo nome procede da palabra grega iber, "ribeira", de onde deriva Iberia como denominación para toda a Península Ibérica e os pobos que a habitaron na antigüidade, é o segundo máis caudaloso da mesma despois do Douro e o segundo máis longo, logo do Texo, con novecentos dez quilómetros de percorrido dende o seu xurdimento na localidade cántabra de Fontibre, tras fluír subterráneo polas calcarias do monte Guariza, até a súa desembocadura en terras de Tarragona, na comarca de Montsià, onde foi formando un enorme delta que é unha das zonas húmidas máis importantes de Europa.
Simplemente por iso decidín visitalo e non me decepcionou nin o máis mínimo, xa non só pola beleza inmensa das súas paisaxes de dunas móbiles, lagoas salobres, bosques de ribeira, illas e praias inmensas, senón tamén pola historia dos asentamentos humanos no lugar, que deron orixe a vilas como Sant Carles de la Rápita, Deltebre, Amposta ou L’Ampolla, e pola enorme variedade de aves que acubilla, nada menos que unhas trescentas sesenta especies de todos os tamaños, que van dende gaivotas, parrulos, ibis e garzas de razas diversas, até flamengos que aniñan nas beiras das súas lagoas.
O Delta do Ebro, o terceiro máis grande do Mediterráneo despois dos do río Nilo, entre as cidades de Alexandría e O Cairo en Exipto, e o do Ródano, na comarca da Camarga, en Francia, foi formándose dende o Plioceno, a derradeira época do período terciario,hai uns tres millóns e medio de anos, por obra do depósito de materiais sedimentarios que foron arrastrando as augas procedentes de lugares tan afastados como os montes Pireneos, a Cordilleira Cantábrica ou o Sistema Ibérico.
O lugar que máis me fascinou neste ecosistema único foi un longuísimo brazo de area de seis quilómetros e medio de lonxitude e sesenta e nove metros de ancho, que comunica o delta coa península de La Banya, onde seguen a funcionar as salinas de La Trinitat, as únicas que sobreviviron ao paso do tempo e ocupan unha superficie aproximada de mil hectáreas nas que cada ano se extraen unhas vinte e cinco mil toneladas de diferentes tipos de sal, entre os que destaca o chamado Flor de Sal, unha variedade de alto valor gastronómicoque se recolle segundo técnicas tradicionais usadas dende o século X.
A longa barra de areas finas de El Trabucador forma dúas extensísimas praias completamente salvaxes, unha na vertente mediterránea e outra na súa parte interior, na baía de Els Alfacs, lugar de peregrinación de numerosas especies de aves acuáticas, pero unha das características máis abraiantes desta lingua de area reside no feito de que é o único lugar de Cataluña no que se pode ver o solpor reflectido no mar, e abofé que é algo que paga a pena presenciar.
Despois de estar en El Trabucador non puiden evitar visitar as outras impresionantes praias do delta, que convidan a longos e relaxados paseos, e fiquei para sempre namorado da paisaxe de dunas móbiles que se estende ao longo de varios quilómetros nos areais de Eucaliptus e Riumar, este último situado no lugar onde o Ebro alcanza as augas do Mediterráneo no Cabo de Tortosa, a punta de lanza que coroa a enorme extensión das terras do delta.
Outros dous lugares que me deixaron realmente abraiado foron as lagoas de L’Encanyissada e de La Tancada, onde a Confraría de Pescadores Sant Pere segue a practicar unhas artes de pesca que comezaron a utilizarse no século XII.
A lagoa de L’Encanyissada, que é a máis extensa, está rodeada de arrozais por todo o seu contorno, pois cómpre dicir que nestas terras o cultivo do arroz, que comezou na segunda metade do século XIX e na actualidade ocupa nada máis e nada menos que vinte mil hectáreas de terreo, constitúe unha das bases da economía da zona. Trátase dun sistema cíclico consistente en canalizar auga do río a través dunha intricada rede de canles e gabias para asolagar unhas terras nas que o ciclo de cultivo comeza no mes de abril e culmina en setembro no momento da sega.
É tal a importancia destes arrozais que deron orixe á construción de toda unha serie de barracas de diferentes tamaños a pé mesmo dos cultivos, en moitas das cales, máis ou menos reformadas, aínda viven algunhas familias de arroceiros, se ben no ano 1957 as autoridades franquistas ordenaron a construción nas inmediacións de L’Encanyissada dun pequeno pobo de casas brancas para os traballadores dos arrozais ao que puxeron o nome de Villafranco del Delta e que agora se chama Poble Nou del Delta e ten uns fermosos restaurantes de gastronomía local nuns patios que evocan os das casas andaluzas.
Outra fermosísima singularidade que acolle a paisaxe do Delta do Ebro é a zona coñecida como Els Ullals de Baltasar, un eucaliptal no que se abren no chan corenta pozos de auga procedente da serra de Montsià. Trátase duns enormes mananciais de diferentes anchuras que poden alcanzar unha profundidade de seis metros e serven como fogar para diversos tipos de ras, tartarugas e peixes, e nalgún caso mesmo acollen pequenas plantacións de nenúfares.
O Delta do río Ebro é un deses lugares únicos que cómpre preservar con todo o coidado que merece porque, por desgraza, na actualidade se encontra ameazado de morte por circunstancias diversas ocasionadas pola man do ser humano.
Un dos perigos máis grandes, que xa provocou graves danos neste acuífero de trescentos vinte quilómetros cadrados, declarado parque natural no ano 1983, é a subida do nivel do mar provocada polo quentamento global. O Delta do Ebro, que é extremadamente chan, xa que o noventa por cento da súa superficie está por debaixo do metro de altura, está sometido á constante presión das augas do Mediterráneo, que no ano 2021 asolagaron por completo varios quilómetros da barra de area de El Trabucador de tal xeito que impediron a chegada por terra á península de La Banya, e varias localidades da zona tiveron que modificar os seus ordenamentos urbanísticos para poder identificar zonas de asolagamento.
Outro perigo que ameaza a existencia do delta veu provocado pola construción sen ningún control de centos de encoros ao longo da conca que forman o río Ebro e os seus afluentes, entre os que destacan os de Mequinensa e Ribarroja, na provincia de Zaragoza, Itoiz en Navarra, Rialb e Tremp en Lleida, ou Reinosa, entre Cantabria e Burgos, por seren os de maior tamaño.
O Delta do Ebro necesita entre un e dous millóns de toneladas de sedimentos ao ano para poder sobrevivir nas condicións axeitadas, pero agora apenas están a lle chegar arredor de oitenta e catro mil por culpa deste centenar de encoros, que frean o fluxo normal do río e reteñen os materias que arrastra, e se non se toman medidas de xeito urxente, será completamente imposíbel salvar unha das zonas húmidas máis importantes da Península Ibérica.
No seu fermoso poema "Parlo d’un riu mític i remorós", "Falo dun río mítico e murmurador", para se referir á súa nenez nestas terras da desembocadura do Ebro, o poeta catalán Gerard Vergés utilizou versos coma os seguintes: "Falo do verdor dun delta inmenso, (…) Falo do longo silencio onde se fundían / a auga doce do río, o mar amargo. (…) Falo dun maino luscofusco que pousaba / ouro trémulo nas augas acalmadas".
Abandonei o Delta do Ebro con estas palabras a me roldar o pensamento e só desexo que toda a beleza deste lugar único sexa quen de sobrevivir ás terríbeis ameazas que andan a axexalo.
© Xesús Constela, 2022