'Ascensión' é o segundo disco en solitario do profesor, compositor e historiador marinenseSeso Durán, quen formou parte do recoñecido grupo folk Liorna. Este 20 de abril xa está dispoñible e o próximo 29 presentarase en directo en Vigo. Musicalmente "é pop, rock, ten algún toque indie, ten algunha canción coa sonoridade da música melódica e outras cun concepto máis acústico" e as letras teñen temática diversa.
Un lp que tras a súa parte persoal de composición, tomou forma cun triunvirato: a do propio Seso, a de Iago Lorenzo como produtor - que produciu a grupos como Heredeiros da Crus, Furious Monkey House ou Agorafobia - e o baterista José Bruno, 'O neno Bruno', que tocou con Joaquín Sabina, Andrés Calamaro ou Leiva. Ademais a masterización púxose en mans de Robin Schmitd - por cuxo estudo de son pasaron nomes como Keane, Paul Weller ou Liam Gallagher -.
A pesar das distancias que imprimiron o momento do proxecto, un dos logros dos que fala Seso Durán no podcast 'Cara a cara' é "conseguir que soase a banda en directo, soa moi a verdade". E nesta banda intégranse ademais teclados, un baixo, tres guitarristas - uno deles Manu Conde de Milladoiro -, e as voces de Olga Lalín, Sabela Cereijo, Laura Taka e Sandra Lima. Haberá xira de 'Ascensión' e "seremos unha banda de cinco músicos, cun coro de voces femininas en determinados momentos".
Falamos tamén en PontevedraViva Radio de Liorna e do traballo musical anterior, editado en 2017 e que foi 'Son da memoria'. Un disco centrado temáticamente nos feitos da contenda civil tras o golpe do 36 e co que axuntou as súas dúas paixóns: "a música e a historia confluíron en algo tanxible". Un disco conceptual que este próximo xuño concluirá a súa xira na Coruña.