A protagonista deste 'Cara a cara' lembra que escribía desde a infancia e que compartía momentos de lectura co seu avó. Precisamente esa ascendencia familiar serviulle de argumento a Carol Buceta Resurrección para escribir a novela 'La historia de amor más bonita jamás contada'.
"Nunca tiven a oportunidade de preguntar como foi a historia de amor dos meus avós, pero ambos vivían preto, próximos a Santa María. Eles dixéronme que vivindo tan preto nunca se coñeceron, pero ambos emigraron a Venezuela. No barco coñecéronse, no barco namoráronse e en Venezuela casaron". Este foi o xerme da novela que nos trae a PontevedraViva Radio.
Aínda que en outubro de 2018 comeza a escribir as primeiras páxinas deste libro, non é ata 2020 co obrigado confinamento, cando se dedica a diario durante horas a este obxectivo. No verán do ano pasado exponse como editalo e chega á opción do crowfunding para conseguir os case cinco mil euros que conlevaba a edición.
No outono o obxectivo estaba cumprido e este mes de abril viu todo ese proceso nas súas mans que agora está a distribuír aos máis dun centenar de mecenas que o fixeron posible e cos que sente completamente agradecida. É a súa primeira publicación e polo momento nos próximos meses a súa vida profesional e persoal vai estar bastante atareada.