Dakidarría regresa a Pontevedra, cunha banda ampliada, para estrear novo disco
Por Alejandro Espiño
O parón obrigatorio que supuxo a pandemia para a inmensa maioría dos artistas serviu a moitos outros para preparar novos traballos discográficos. Ese foi o caso de Dakidarría, que celebra a súa maioría de idade co lanzamento de Colaxe, o seu sexto álbum de estudo.
Con este disco chegan a Pontevedra. Presentarano en directo este sábado 9 de abril na Sala Karma no que, segundo advirten, será un concerto cheo de emoción, enerxía e adrenalina.
Colaxe reúne dez novos temas cos que banda homenaxea a súa carreira e a todas as diferentes subculturas e estilos musicais dos que foron bebendo durante os seus 18 anos de historia.
Composto a distancia e totalmente autoproducido, o disco conta coa colaboración de bandas e músicos como Boikot, Evaristo (La Polla Records), Inadaptats, High Paw, Xavi Solano (Esne Beltza), En Tol Sarmiento ou Menina Arroutada.
Destaca especialmente a canción Pobo de Artistas onde a banda, xunto a Tanxugueiras e O Rabelo, pon en valor a escena musical galega actual cantando con case cen grupos e artistas do país.
Dakidarría volve aos escenarios ademais con novas caras entre os seus músicos, cos que asegura que ofrecerán un espectáculo con maior fluidez e dinamismo.
Ao que non renuncian, con todo, é a unha proposta que fusiona ska, reggae, punk-rock e ritmos urbanos cheos de enerxía a través da complicidade, forza e sinceridade das súas revolucionarias letras, nas que se chegan a incluír ata doce linguas diferentes.