Perfumes Art Nouveau aromatizarán visualmente o Edificio Castelao a partir do xoves 7
Por Redacción
Este xoves 7 de abril ás 19.00 horas está prevista a inauguración da exposición 'A presenza Invisible. Perfumes Art Nouveau & Art Deco' no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Trátase dunha proposta na que poderán verse máis de 200 recipientes de perfume, caixas de pos de arroz e xabón, ademais de frascos de perfume de cristal e vidro, aos que acompañarán exemplos da publicidade da época que se tenta retratar entre finais do século XIX ata entrados os anos 40 do século XX.
A mostra permanecerá aberta ata o 12 de xuño e ofrecerá frascos que pertencen á colección particular do portugués Afonso Oliveira, ex vicepresidente da Asociación Internacional de Frascos de Perfume e profesional dos perfumes de luxo. Este coleccionista conta con máis de 4.200 recipientes históricos converténdose nun referente mundial neste sector.
A mostra divídese en varios espazos. Inicialmente atópase 'Art Nouveau (1890-1910)', carectirzado pola utilización de formas alongadas e trazos ondulantes e asimétricos que se inspiran na natureza. Artistas como Émile Gallé ou Julien Viard son algúns dos especialistas nesta estética.
Tamén se ofrece un espazo para os 'Frascos de vidro checo', sobre 'Coty e Lalique', dous vidreiros e xoieiros que levaron a perfumería ao gran público. Tamén se ofrece unha zona de 'Grandes deseñadores e vidreiros para grandes marcas', con explicacións sobre Baccarat e Viard. Por último, a mostra acolle un espazo para o 'Art Déco 1925'.