Retallos de mundo: As ruínas de Paestum, a antiga Poseidonia

Poio
03 de abril 2022

Situada na costa do mar Tirreno, na rexión italiana de Campania, no concello de Capaccio, a uns noventa quilómetros ao sur de Nápoles, Poseidonia, unha máis que próspera colonia grega, foi fundada en honra de Poseidón, o deus dos mares, por navegantes aqueos procedentes de Sibaris, pero co paso do tempo había de acabar conquistada polos romanos, que a rebautizaron co nome de Paestum

Restos do anfiteatro
Restos do anfiteatro / Xesús Constela

Situada na costa do mar Tirreno, na rexión italiana de Campania, no concello de Capaccio, a uns noventa quilómetros ao sur de Nápoles, Poseidonia, unha máis que próspera colonia grega, foi fundada en honra de Poseidón, o deus dos mares, por navegantes aqueos procedentes de Sibaris, pero co paso do tempo había de acabar conquistada polos romanos, que a rebautizaron co nome de Paestum.

As ruínas da cidade ocupan arredor de trescentas hectáreas das que apenas están escavadas unhas vinte e cinco. Todo o resto dos terreos está en mans privadas e por iso nunca se estudou, polo que non se sabe que marabillas poden seguir enterradas á espera de seren descubertas.

Visitei Paestum baixo dun ceo azul no que lucía un sol espléndido, logo de transitar por unha estrada costeira que se abría paso entre fermosas praias e inmensos piñeirais e quedei impresionado dende que tiven unha primeira visión do que queda da cidade.

A través das tres portas de acceso que aínda se conservan nunha grosa muralla defensiva que nos seus mellores tempos abarcou cinco quilómetros de diámetro, accédese a unha enorme explanada na que aínda se erguen con toda a súa solemnidade tres templos de dimensións colosais, un dedicado a Hera, outro a Poseidón e un terceiro a Atenea, que foron construídos con pedras da zona e estiveron recubertos de terracota segundo se pode comprobar polos anacos da ornamentación exterior descubertos nas escavacións.

Conta a lenda que foi o propio Xasón, que desembarcou no lugar na compaña dos Argonautas, quen arredor do ano 500 a.C. se encargou de erguer o templo que a día de hoxe se encontra entre os mellor conservados da civilización grega clásica e estaba dedicado a Hera, esposa de Zeus, raíña do Olimpo e protectora da lendaria nave Argo.

Ao comezo dos traballos de escavación do século XVIII a este templo, de robustas columnas e grandes ábacos de estilo dórico, chamóuselle "a Basílica" porque erroneamente se considerou un edificio romano de uso civil, pero máis tarde se descubriu a existencia dun altar ao aire libre con inscricións referidas á deusa grega e varias ofrendas na súa honra en forma de pequenas figuras femininas de terracota.

O templo de Poseidón, o principal da cidade, tamén coñecido como Hera II por estar á beira do anterior, foi deseñado a imaxe e semellanza do Partenón da Acrópole de Atenas e está nun excepcional estado de conservación. Camiñar polo seu interior, polo bosque de columnas dóricas polas que se filtra a luz, é unha experiencia altamente emocionante.

Ao outro lado da ágora, enriba dun outeiro que constitúe o punto máis alto da cidade, érguese o templo de Atenea, a deusa da sabedoría e da paz, que presenta unha arquitectura de transición entre os estilos dórico e xónico e se sabe que foi utilizado como igrexa cristiá porque no chan do seu interior se localizaron tres tumbas medievais.

Do pequeno anfiteatro da cidade apenas se conservan as bancadas e o pórtico polo que entrarían artistas e músicos dispostos a representar dramas e comedias, mais a súa parte oriental, oh horror, foi sepultada no ano 1930 pola construción dunha estrada que corta as ruínas case pola metade.

En medio de moitos anacos de columnas e pedras de muros máis ou menos cubertos pola herba tamén quedan restos das gradas circulares do ekklesiasterion, o lugar da ágora destinado á asemblea (ekklesia), órgano encargado de tomar decisións que afectaban á cidade e do heroon, un pequeno santuario construído en memoria dun heroe local descoñecido que quizais puido ser o fundador.

Pero, malia a importancia dos templos e dos outros restos, o mellor descubrimento que se fixo nas escavacións de Paestum, a antiga Poseidonia, foi un grupo de arredor de cen tumbas atopadas nunha necrópole na parte exterior das murallas, moitas delas agora expostas nun moderno museo que se atopa diante dunha das portas de acceso á cidade.

O achado destas tumbas supuxo un importante fito na historia dos estudos das artes pictóricas na Grecia clásica, xa que antes da súa descuberta non se conservaba ningún resto dos frescos que se sabe que decoraran santuarios, templos e palacios.

Precisamente unha desas enormes sepulturas, a coñecida como tumba do nadador ou tumba do mergullador, que contiña os restos dun home bastante novo, constituíu a máis grata sorpresa que puiden levar na miña visita ás ruínas da cidade. Datada entre os anos 700 a 400 a.C. foi atopada no ano 1968, e consta de cinco grandes laxes que grazas ao feito de estaren tantos séculos preservadas do aire e da luz aínda conservan as súas pinturas practicamente intactas.

O tema principal dos frescos, que se cren pintados por dous artistas diferentes, é un simposium ou banquete, probabelmente en honra do finado, que presenta curiosas escenas, como unha na que aparece un home con barba que está a se achegar agarimoso ao rostro do seu veciño para bicalo baixo a atenta mirada doutro comensal.

Pero sen dúbida o fresco máis importante dos cinco que contén a tumba está na laxe da tampa, que, nunha alegoría do paso da vida á morte, amosa un home a se mergullar nas ondeantes augas dunha corrente, probabelmente o río Estix, límite entre a terra dos vivos e o mundo dos mortos, nunha escena que parece tan viva que podería dicirse que fose pintada onte mesmo.

Resultoume tan abraiante a sensación de movemento que me transmitiu esta pintura, posuidora dunha vitalidade que parece ter moito que transmitir logo de tantos séculos agachada na escuridade, que só por poder estar sentado un longo anaco en fronte dela considerei que pagara a pena a visita ás ruínas desta gran cidade.

© Xesús Constela, 2022